Escribir sobre unha persoa, especialmente se se trata dun amigo, resulta sempre comprometido e difícil, entre outras cousas, porque calquera persoa encerra en si unha gran riqueza con moitas e variadas caras e as dun amigo non sempre poden percibirse con obxectividade.
Xesús Mato é unha desas persoas que, dende o meu punto de vista, amosa con toda claridade unha gran riqueza humana que mantivo nunha liña ascendente ao longo de toda a súa vida. Se tivera que retratar a Xesús resaltaría a súa grande humanidade que se traduce e concreta nunha inmensa fidelidade á súa terra, ás súas orixes, ás súas xentes e aos seus valores. Cando Xesús contribúe dunha maneira decisiva a recuperar a cultura popular está dignificando, facendo importantes, a unhas xentes, moitas veces minorizadas, que crearon e mantiveron viva a alma dun pobo, cando Xesús comparte a súa vida coas rexas e barís xentes da montaña luguesa, non é que se abaixe, enténdeo ben a xente cando di que é «moi dado», dáse, entrégase, está alí con naturalidade, estima e apreza as persoas, a paisaxe, a natureza e incorpora unha realidade concreta ao seu compromiso vital, non está de paso, é de alí.
Este camiñar, coma o de calquera persoa coherente, non é froito dunha decisión repentina ou dun entusiasmo pasaxeiro. Ao meu modo de ver, é algo que vai medrando cando encontra terreo adecuado coma neste caso nunha persoa sensible, de corazón bo e xeneroso, intelixente e honesta. Entende moi ben Xesús que se Deus o creou galego, para ser fiel a Deus ten que ser leal a Galicia, deduce que un crego, un cristián que non sexa fiel á súa terra (ás súas xentes) será mal crego e peor cristián. Dise por aí que unha Igrexa que non sirva, non serve, máis aínda, eu diría que un crego que non sirva a unha comunidade concreta, non digamos xa que se se serve dela, non soamente non serve, senón que resulta un atranco escandaloso. Servir ás persoas é estar con elas en toda a súa dimensión, no relixioso, no cultural, nas angustias e nas esperanzas, non renunciar ou ocultar os seus valores, senón estimalos e resaltalos, entre eles aqueles que os definen como pobo, a súa lingua, que vén ser a súa Patria e a súa infancia, é dicir, o seu miolo. Se ocultamos ou obstaculizamos a súa lingua estamos impedíndolle expresarse, falar, realizarse como persoa, establecendo unha censura, deixa de ser ela mesma, infantilizámola, e isto sucede cando dende o altar ou nas celebracións litúrxicas se emprega unha lingua allea, que non é a de seu, ademais simboliza distancia e poder.
Todo isto e moito máis está presente na vida de Xesús, penso que se retiramos o compromiso con estes valores a súa vida resultaría inintelixible, compromiso que ten como motor unha fonda vida interior, capaz de converter estas teimas ou soños nunha rigorosa realidade que está sempre a facer,en obra, porque a vida de Xesús vigoriza o presente e constrúe o futuro.
Afirmaba nun parágrafo anterior que a vida dunha persoa non é froito dunha decisión repentina ou dunha emoción ocasional que configure a personalidade para sempre, non nacemos así como somos hoxe, ímonos facendo. Un amigo meu di: «somos como Deus nos deu e un pouco peor que nos fomos facendo», non comparto tal afirmación, Deus fíxonos ben e bos, coa responsabilidade persoal de medrar, mesmo, no medio de luces e sombras, esa é a nosa obriga: medrar, mellorar, e isto lógrase camiñando coa xente, compartindo, amando, non sendo anxos puros, porque hai o perigo de esquecer que somos homes e mulleres limitados, que ao tempo que facemos o camiño, tamén o camiño nos fai a nós.
Nesta homenaxe a Xesús Mato honramos tamén a todos os compañeiros de ilusións e de Seminario e ao mesmo tempo a todos os homes e mulleres que dende os máis diversos aspectos constrúen unha Galicia coma realidade inmorrente