Dentro da programación do Bicentenario do Concello de Paradela, ven de publicarse o libro “XESÚS MATO, 90 anos… e 50 do seu Fuxan os Ventos”, como homenaxe ao crego e musicólogo fillo predilecto do Concello de Paradela.
O libro, publicado por Brandán Comunicación e o Colectivo Egeria, coordinado por Antonio Giz e Xulio Xiz, co apoio da Xunta de Galicia e do Concello de Paradela, a través de 166 páxinas, é un percorrido pola traxectoria vital de Xesús Mato e Mato, co gallo de cumprir 90 anos o pasado 29 de outubro, e medio século da creación do grupo “Fuxan os ventos”, do que foi alma máter, sendo tamén da súa autoría a letra e a música da canción que deu nome ao grupo.
No libro, ademais do resume que fai Xesús Mato do seu camiñar pola vida, e os textos de presentación de Román Rodríguez (Conselleiro de Cultura, Educación, F.P. e Universidades), José Manuel Mato (Alcalde de Paradela) e dos coordinadores da publicación, participan Alfonso Blanco, Marisol Bravos, José Crespo, Ángel Fernández, Marcos Fernández, Valentín García, Mero, Manuel Lombao, Arximiro López, Mini, Eloy Rodríguez, Santiago Rodríguez, Carlos Rodríguez, Isidoro Rodríguez, e Lola Tourón.
Cada un dos coautores incide nunha fase da vida e actividade do Padre Mato (así é xeralmente coñecido): a nenez, o Seminario, a guerra… a lingua, a cultura, a primeira parroquia… Radio Popular de Lugo, Fuxan os Ventos, Galicia canta ao Neno… Delegado de Medios, a música, crego de familia… Auxilia, Fillo predilecto de Paradela e Medalla Castelao… Unha vida entregada aos demais que o libro quere poñer de manifesto en homenaxe a este grande da Igrexa, da música e da cultura.
O martes, 17 de xaneiro, houbo unha dobre presentación: en Paradela e en Lugo.
En Paradela, ás 12:00 horas, no salón de sesións do Concello, con asistentes de Paradela e outros chegados de diversos puntos de Galicia, interviñeron, ademais de Xesús Mato (fillo predilecto daquel concello), o Alcalde, José Manuel Mato; Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; Ángel Fernández (fillo predilecto de Paradela), participante no libro cun traballo sobre a mocidade do seu veciño homenaxeado; Lola Tourón (cesteira), autora dun traballo sobre Mato na Montaña, e Xulio Xiz (compañeiro na radio), coautor.
Pechou o acto o gaiteiro Xosé Lois Foxo, director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, que foi cantor na Escolanía de Lugo cando era dirixida por Mato, interpretando o “Alalá do Courel”.
Ese mesmo día, ás oito do serán, no salón de actos da Biblioteca Provincial de Lugo (Biblioteca Nodal), cun público numeroso e entusiasta de “matólogos” e “matófilos”, interviñeron Xesús Mato, Valentín García, Ángel Fernández e Xulio Xiz, ademais da directora da Biblioteca Provincial, María Isabel Pérez Forneas, e dos participantes no libro Marisol Bravos (compañeira de Mato na impulsión de Auxilia), Marcos Fernández Mosquera (sucesor de Mato na dirección do Orfeón Lucense) e Isidoro Rodríguez, do colectivo María Castaña, participante con Mato en “Galicia canta ao neno”. Foi espléndido colofón a intervención de Xosé Luís Rivas Cruz (Mini), do primeiro Fuxan, actualmente deputado no Parlamento de Galicia que rematou a súa intervención cun emocionante canto “a capella” do “solo” de “Fuxan os ventos”, letra e música de Xesús Mato.
Nas dúas presentacións, todos os asistentes recibiron cadanseu exemplar do libro “XESÚS MATO, 90 ANOS… e 50 do seu Fuxan os Ventos”.
Prensa
Presentación do libro “Xesús Mato, 90 anos… e 50 do seu Fuxan os Ventos" (A Nosa Voz, 16/01/2023)
O libro ‘Xesús Mato, 90 anos… e 50 do seu Fuxan os ventos’ presentarase en Paradela e Lugo (GaliciaXa, 16/01/2023)
Xulio Xiz y Antonio Giz presentan el libro homenaje "Xesús Mato , 90 anos...e 50 do seu Fuxan os ventos" (Cadena Ser, 17/01/2023)
Presentan hoy en Paradela y Lugo un libro sobre el sacerdote y musicólogo Xesús Mato (El Progreso, 17/01/2023)
Xesús Mato cumpre 90 anos e Fuxan os Ventos, medio século (La Voz de Galicia, 17/01/2023)
Un libro homenajea a Xesús Mato, "gran referente da cultura galega" (El Progreso, 18/01/2023) - Web
Xesús Mato, o cura lucense que rompeu todos os esquemas (La Voz de Galicia, 18/01/2023) - Web
Un libro recorre los 90 años del párroco Xesús Mato, 'alma mater' de Fuxan os ventos (Galicia Press, 18/01/2023)
Homenaxe a Xesús Mato (Heraldo de Vivero, 20/01/2023)
Presentación do libro-homenaxe a Xesús Mato en Paradela (El Progreso, 23/01/2023)
Xesús Mato é Fuxan os Ventos, por Xulio Xiz (La Voz de Galicia, 25/01/2023)
Mato é Fuxan, por Xulio Xiz (O Barbanza, 28/01/2023)
Mato é Fuxan, por Xulio Xiz (Xornal de Lugo, 28/01/2023)
Mato é Fuxan, por Xulio Xiz (GaliciaDigital, 29/01/2023)
Entrevista a Xulio Xiz e Xesús Mato (Radio Galega, 30/01/2023)
Os noventa anos que cumpre o cura Mato (El Progreso, 05/02/2023) - Portada - Web
Outras Ligazóns
18/01/2023 - WebsGalicia: Web Xesús Mato
18/01/2023 - Internet Galicia: Web Xesús Mato
18/01/2023 - Colectivo Egeria: Xesús Mato: 90 anos… e 50 do seu Fuxan os Ventos
Fotos
Presentación de "Xesús Mato: 90 anos... e 50 do seu Fuxan os Ventos" (17/01/2023)
Vídeos
Xosé Lois Foxo, na homenaxe a Xesús Mato (Paradela, 17/01/2023)