Cando Xulio Xiz me di que teño que escribir sobre Xesús Mato, méteme nun brete de sete estalos pois, para min, non é fácil falar de Xesús, en primeiro lugar por non ser imparcial e logo por ter que falar dun referente moi especial da miña vida.
Dende a miña infancia
Cando os meus pais me buscaban oportunidades de formación, con nove anos, tiveron a idea de dirixirse ao «faro» da familia. Este non era outro que o seu sobriño Xesús, crego na vila de Lalín.
Miña nai choromicándolle, tamén a tía Concepción, a súa irmá Sara… para que o seu fillo puidese estudar. Penso que o diálogo da tía e máis da Sara ía no senso de dicirlle: «Xesús hai que mirar polo pequeno do Manolo e da Gloria». E así foi, como non sabía nin sabe dicir non, Xesús vese de súpeto cunha responsabilidade máis encima, se xa tiña pouco labor como crego, profesor, traballador social (como se di agora, aínda que daquela non se coñecese esa actividade profesionalmente el xa era todo un experto nese eido), animador cultural, Radio Lalín, Cáritas, Coral… e, por riba, recibe ao primo, o que de súpeto se converte en sobriño e do que ten que facerse cargo no máis amplo senso da palabra. De aquí vén o do «tío» cura, pois para case todo o mundo son o sobriño do Padre Mato, a verdade sexa dita eu nunca fixen nada por corrixir o erro, pois o de «teu tío» gustábame e entendía que me unía máis a el. Creo que era un egoísmo infantil que aínda hoxe me perdura, nembargantes, tamén é certo que daquela non naceran os sobriños naturais.
Xesús era unha sotana voadora, tan pronto o vías na praza da Igrexa como xa estaba no altar comezando a Misa e xa subira as escaleiras e pasara pola Sancristía a revestirse.
Saiamos da Igrexa camiñando para a casa e facía que eu tivese que correr para gardarlle o paso, sempre de présa, «si, si, moita, moita marcha», era así, non sabía ir ao paso, eu diría que ía coma un lóstrego durante todo o día.
Por certo, o de moita, moita marcha era en todo, tamén na moto, así perdeu un día a seu irmán Xosé saíndo de Portomarín pola subida de San Roque, cando se deu conta xa levaba un bo treito andado.
Xesús non era un cura á usanza. Vexan un exemplo: case todos os curas daquela tiñan unha moto vespa, a de Xesús era unha Lambretta, eu penso se sería polo do chiste do tartamudo:
—¿ves….pa, ves…..pa, ves…..pa?
—Non é vespa , que é Lambretta!
—Ves…pa, ves…pa que son as limosnas?
Serva a anécdota para situarnos no seu labor cotiá, sempre traballando e asumindo compromisos sociais, dende servizos aos enfermos, orientacións laborais, organización de eventos culturais, deportivos, patrimoniais e relixiosos. Ou sexa, «alma-mater» de case todo o que se movía en Lalín na década prodixiosa dos 60. Pois ben, creo que Lalín
tivo a sorte de ter un crego experto que brincaba en todos os eidos da sociedade, configurando redes e agrupando á cidadanía en aras ás súas inquedanzas, actuando de alicerce que facía xermolar proxectos de apertura e avance da sociedade lalinense.
Xesús, labor de Igrexa, un cento máis de actividades e un sen fin de cousas, pero eu destacaría unha virtude moi especial del, a maneira que ten de aproveitar o tempo para todo e para todos, sen faltar para nada ás súas responsabilidades nin ás súas pautas de compromiso asumido voluntaria e libremente. Sempre preto de quen o precisara e sobre todo dos máis desfavorecidos.
Estes son os exemplos que lembro do día a día de Xesús. Lembro con moito agarimo aqueles tres anos da miña nenez, onde por certo, fun moi feliz. Unha tía que me aloumiñaba, sendo o castigo máis forte que me impoñía cando facía algunha trasnada, a frase «héichello dicir ao Xesús», cousa que xamais fixo.
Por certo, non me lembro nin dunha soa reprimenda do tío cura. Grazas.
Dende a madurez
Xesús, un exemplo de servizo á sociedade, xunguido ó compromiso a favor dos semellantes e activista comprometido cos valores da xenerosidade do amor cristiá, da fe e da esperanza de acadar as mellores cotas de benestar para todos, dun xeito moi especial, para todos aqueles que teñen dificultades.
Eu teño que destacar que Xesús en compaña de D. Pedro López Rivera, Abade de Piñeira e bispo emérito de Tui, son algúns dos homes máis importantes da historia de Paradela e teñen un gran parecido na súa traxectoria: cregos, Pedro López Rivera (Pereiraboa, S. Vicente, 13 de xaneiro de 1772) Xesús Mato Mato (Cabodevila, S. Martiño de Castro, 29 de outubro de 1932), os dous comprometidos desde as súas responsabilidades e coas diferenzas propias dos tempos que lles separan. Destacan os dous no seu compromiso cristiá e na loita persoal a favor da sociedade na que viven.
Xesús segue nas súas inquedanzas como loitador inesgotable do seu amor aos semellantes, á súa terra e segue a ser o aguillón que nos invita sempre á reflexión, sexa no eido da fe cristiá, no da problemática social e política, no compromiso da autenticidade e da solidariedade. Non descansa nas súas loitas como activista que é, no espertar que desexa para un mundo máis xusto.
Grazas Xesús por ser Fillo Predilecto das nosas terras de Paradela. Énchenos de orgullo poder contar contigo.