Pídeseme que participe no libro que se editará con motivo das Vodas de Ouro do meu bo amigo Xesús Mato.
En primeiro lugar agradaríame se fixese constar a miña noraboa por alcanzar esa data tan sinalada e que o Señor lle regalou como premio á súa xenerosa entrega ó servizo de Deus e dos homes.
Que podo eu dicir de Xesús Mato? Un folio pareceríame pouca cousa e non chegaría a reflectir todas a súas cualidades de home bo e sacerdote exemplar.
Coñecín a Xesús Mato nunha viaxe a Lugo, con motivo de dar a coñecer en toda Galicia a Asociación auxilia, dedicada á promoción e igualdade social dos diminuídos físicos, tan marxinados e esquecidos naquelas épocas.
Un sacerdote lugués que coñecía, pero que agora non lembro o seu nome, que residía na Casa Sacerdotal de Lugo, presentoume a Xesús Mato, como a persoa ideal para aceptar e realizar a misión que eu levaba.
E así foi. Presentáronmo, expúxenlle a misión que levaba, que era Auxilia e como se podía implantar tamén na cidade de Lugo. Compraceulle o proxecto e comprometeuse a realizalo.
Aquí comezou a amizade e aquí souben dos seus valores e as súas múltiples actividades: locutor de radio, atención de varias parroquias da montaña, promotor do coro «Fuxan os ventos» e un longo etc.
Máis tarde, reunións de directivos das distintas Auxilias locais e viaxes á Central de Barcelona. Sempre disposto e xovial en todo o relacionado coa asociación.