Moito teño eu que lembrar dos feitos depositados na miña persoa de don Xesús Mato. Pero tan só me remitirei a unhas pasaxes, para iso, comezo co día en que vin a don Xesús por primeira vez.
Eu tiña por costume a de ler os artigos semanais do homenaxeado no xornal el progreso, admiraba a súa escrita e mailos temas que trataba, era eu unha fiel admiradora.
Da man da miña curmán, coñezo á que é hoxe en día a miña amiga da alma, a irmá, María Teresa Rodríguez Pol. Ese día, logo de estarmos no colexio Divino Maestro, fomos cara á Casa Diocesana, alí, coñezo a don Xesús Guerra, douto e marabilloso ser, a piques de nos marchar, vemos tralos cristais que chega don Xesús Mato portando unha grande caixa de cartón, dando a impresión que pesaba o seu, o meu corazón vibra de emoción por ver de cerca ao escritor que eu tanto admiraba. Ao entrar saúdanos cun xovial ¡ola!, preséntanos M.ª Teresa, falamos un anaco de tempo, o suficiente para decatarme que sendo persoeiro, é un ser do máis sinxelo. Encantador polo seu modo de ser. Ese foi o noso primeiro encontro do cal eu saín máis leda ca unha nena con zapatos novos a estrear.
Tempo despois, son invitada por Xermolos de Guitiriz a ir á Casa das Palabras. Acudo con don Xesús no seu propio coche, logo a un restaurante a xantar, alí, estiven sentíndome a raíña, no grupo de don Xesús, Xulio Xiz, Mini, Mero, acadando que as horas fosen segundos para min nunha delicia inimaxinable no meu corazón daquela malpocado, que a bo seguro don Xesús enxergou, porque en todo intre estivo pendente de que me atopase en harmonía. Saímos e fomos na compaña da alcaldesa de Guitiriz, dona Regina Polín, ata un monumento, explicándonos data e demais detalles da súa era. De recunque, a harmonía entre os que íamos rebuldaba na súa propia enxebreza.
Chegando ao lugar de partida, collemos cara ó Museo de Viladonga. Don Xesús, sabido da miña doenza dos xeonllos, está pendente de se me quero estiñar no seu brazo, aludindo sorrinte ¡do brazo dun crego sempre irás ben! Nin que dicir ten que si me estiñaba de cando en vez do seu brazo para estar mellor ergueita. Rematada a visita ao museo, ao saír, son saudada por don Manuel Carballo, que á súa vez convida a don Xesús a achegarse pola súa casa. Xa no coche de don Xesús, dime, ¡voute levar ata a casa de Manuel, que si hoxe non vas, de seguro que xa non irás! Dito e feito, colleu a rota cara aló e, ó chegar, fomos recibidos con moita delicia e afabilidade. Alí nese fogar, vin as marabillas que don Manuel Carballo é dono de facer no ilusionismo que el soe facer, pura ambrosía foi ao que asistín, regalándome ao nos marchar un libro
da súa autoría, eu ía de delicia en delicia, coma nun soño.
Aloxada no coche de novo, colle rota cara onde me agardaba o meu marido para irnos á casa. No percorrido don Xesús que goza de moi bo sentido de humor, foime contando unha que outra anécdota que asemellaba conto, acadando en min ledas gargalladas. En chegando ao meu lugar de destino, vendo que o meu marido aínda non chegara, para que non quedase soa, tentaba de me levar á miña casa, ao que me neguei unha e outra vez, pois era xa tarde para el, tendo un longo percorrido por facer. Despedinme del cunha aperta dándolle as grazas polo día tan fermoso que me dedicou.
E hoxe publicamente digo que, cando o vin partir no coche, quedei mirando e chorando en silencio, por un día tan fermoso que xa tocara o seu fin, e aínda que resulte difícil de comprender, direi que sentín inxente pena porque rematase, coas meixelas húmidas atopoume o meu marido na miña procura.
Na compaña de don Xesús acudín a varios actos de cultura, aos que doa boa fe do ben querido que é alí onde vai, pero quero eu subliñar.
Os momentos que eu temía vivir, e que don Xesús sabido estaba diso. Sen sospeitar eu o mais mínimo, que me quedaba moito máis que sufrir do temido, mais, don Xesús non me deixou baleira do seu alento, así como a irmá Mª. Teresa Rodríguez Pol, coas visitas e palabras tan necesarias para a miña alma e mailos meus ánimos desfeitos.
Podería seguir evocando feitos na miña persoa do corazón de don Xesús, pero as liñas son limitadas, e só me queda dende estas liñas decirlle, ¡grazas don Xesús pola súa comprensión, polo seu amor e maila súa amizade