XESÚS MATO, CAXATO DE PASTOR E DE PROFETA

Parece que escribir unhas liñas sobre un amigo, (2.400 caracteres que é o que o  amigo de todos e gran argalleiro, Xulio Xiz, me pedía), debería resultar doado, e non obstante, a min custoume e non pouco poñerme a escribilas sobre Xesús Mato.
Botei tempo dándolle voltas ao asunto e tiña organizadas algunhas ideas, pero o que non din nin dou organizado son os sentimentos e iso esmendréllame a relativa organización das ideas.

O que sinto por Mato sobreponse ao que penso del e atópome con que non sei describir como quixera os sentimentos. Tampouco sei se esa deficiencia miña é debida a que non me ensinaron axeitadamente ou a que eu non din aprendido como é debido.

Para complicar aínda máis as cousas, resulta que veñen de tan lonxe as raíces dos afectos que nos unen, que as puntas desas raíces esfúmanse por entre a brétema dos tempos.

Como eu son algo máis novo ca Xesús Mato, aínda que el non é máis vello ca min, a amizade que xurdiu entre nós naceu na terra ben abonada da miña admiración por el, e deulle a el a oportunidade de servirme de apoio e proporcionoume a min a sorte de poder percorrer non poucos camiños e corredoiras esteado no seu brazo.

Pode que haxa quen tome isto que acabo de dicir en sentido figurado, coma unha metáfora ou algo así, pero estouno a dicir mesmo nun sentido físico e material, xa que durante uns meses que pasei na Casa Diocesana de Lugo, con motivo do accidente de circulación que me deixou trenco para sempre, el foi un dos caxatos máis agarimosos nos que me sostiven.

Cantos o coñecemos e o tratamos sabemos que se lle dá ben o de ser caxato. Non caxato para fachenda de presumidos, senón caxato de sostén para quen non se vale por si mesmo tan ben como quixera, tan ben como debera ou tan ben como terían dereito.

Si, dáselle ben ser doce caxato de pastor de ovellas magoadas da montaña, da vila ou da cidade. E, chegado o caso, tamén se lle axeita ser caxato áspero de profeta que arremete contra as variadas formas de inxustiza.

É de supoñer que se hoxe Xesús Mato fose o Sr. Xesús o D. Jesús, avó de varios netos, tamén tería sido e seguiría sendo caxato para moitos, pola súa irrenunciable condición de home de ben; pero o feito de ser cura, non lle resta, senón que, con toda seguridade, facilítalle esa función de servizo á sociedade e a Deus, como esixencia da súa vocación sacerdotal, vivida como entrega durante nada menos ca cincuenta anos.
Remato de contadiño, pero debo constatar que o facer memoria aclaroume un chisquiño as ideas, e agora lembro con certa claridade que as raíces do grande afecto que nos une afunden as súas puntas en tempos preconciliares e predemocráticos. Naqueles tempos ilusionantes en que moitos soñabamos con que os soños poden materializarse en realidades. Fixéronnos esmorecer algúns soños que agromaran nos Concilios: Vaticano II e Pastoral de Galicia. Esmagáronnos algunhas ilusións que nos levaron a meternos en camisas de once varas por mor de arrimar o ombro para acelerar a chegada dunha utópica democracia.
Pero, amigo Xesús, tantos soños rescatados do esquecemento e tantas ilusións sementadas teñen que seguir dando os seus froitos. E ti, con setenta e cinco anos de vida e cincuenta de cura, estás feito un mozo con capacidade para seguir sementando pola montaña, pola vila ou pola cidade margaridas e a Palabra Viva. Graciñas por todo e que Deus te bendiga.