Poucas veces tiven que enfrontarme a unha reflexión tan curiosa como a que me trae a escribir estas liñas. Falar sobre Mato, quen sempre resulta ser aquela persoa á que atopo en tódolos actos aos que podo asistir, nos que a programación teña algo que ver coa vida cultural galega ou universal e máis aínda se teñen unha clara dimensión social, sabendo que moitas desas actividades o teñen a el como motor, sen transcendencia do seu rostro ao público… Tanto ten que se trate de música, poesía, teatro, conferencias, cine…; xa sexa entre caixas ou entre cables, no patio de butacas ou no teleclub, no campo da feira ou no local parroquial. Alí está sempre o Mato e aí está sempre a traballar a súa maquinaria intelectual. Poren o Mato nunca quere ser protagonista, e fuxe e achántase sempre, cando o seu obxectivo se acada.
Nestes tempos que corren, e máis aínda agora que se fala de industrias do espectáculo, esquecendo aquel labor próximo, coas xentes do entorno, enriba e abaixo dos escenarios, e sen agardar ter recoñecemento económico ou promocional, xa non se leva Mato, e xentes coma ti, máis necesarias cada día, non son fáciles de atopar. Somos moitos os que che debemos agradecemento por estimular aspectos da nosa cultura, dos que nunca teriamos tido noticia, por mor do esquecemento e o labor de ocultación que se viñeron facendo ao longo da nosa historia. Cando eu, espécime urbanita sen bagaxe cultural galega, comecei a escoitar falar das actividades de recolla, espallamento e preservación de materiais, que grupos tan senlleiros da música deste pais nos achegaron polo teu apoio e a túa íntegra persistencia, non puiden máis que renderme ao evidente: só hai que querer e ofrecer a man ao do lado para conseguir o imposible. Nunca tanto se fixo, con tan pouco, para devolver a estima a un pobo, como o que ti con tanto mimo perfilaches dando pulo á xente que sempre te rodeou. Moitas grazas Mato por seren como es, por traer sempre a frescura da montaña que hoxe te acolle, a este ermo contaminado no que ás veces debemos sobrevivir.
O teu apelido non che fai xustiza; ¿Mato?, ¡nin de coña!