Polos camiños da Cope e de san Facundo

San Martiño de Castro está no bico dun monte baixo, ribeirego, rodeado de carballeiras, viñas e árbores frutais. Un grupiño de casas campías harmonizan a aldea nun outeiro que aínda recende a cultos e culturas castrexas. Alí, mentres se descansa do esforzo do camiño a pé, entre o conxunto monástico de  Loio (Santa María, Santa Mariña, Santa Cruz) e San Facundo de Ribas de Miño, a mirada apazúgase de ledicia contemplando os encantos da Ribeira Sacrata.

Varios mosteiros naceron aquí, antes do século X. Alí, nas vellas terras rosendianas e cistercenses, entre Portomarín e Paradela, os propios pais de san Rosendo serán os grandes promotores restauradores da vida monástica, neste paso do Miño que empezaba a ser frecuentado polos peregrinos de Santiago, onde se mantiña en pé unha vella ponte romana levantada no século II. Probablemente, san Martiño Dumiense e san Rosendo pisoron e predicaron, incansables, por aquelas terras da ribeira do Miño, a mediados do século VI. Polos carreiros con pegadas destes santos, ábrense, baixando cara o pai Miño, en verdes e encostadas praderías, regatos que cantan rumorosos ós gromos das vides na primavera.    

Cando aínda non rematara os meus estudios de Teoloxía no Seminario Diocesano, un dos cregos  mais populares da Diocese, aló polos anos 70, chamoume para entrevistarme na radio. Aquel rapaz que aceptara con inxenuidade a invitación, estaba tembloroso, algo asustadizo, non só polos singulares escenarios de Radio Popular, senón tamén pola presenza cercana, pero chea de autoridade, daquel crego inquedo e besbellizo que, con voz ronca e aguardientosa celebraba a misa en Galego polas mañáns dos domingos na radio.

-¿E ti, por que queres ser crego?

Non recordo ben o que respondín naquela entrevista pero eu poñía nel a mirada porque aquel crego levantaba admiración entre os seminaristas maiores. Era un mozo ben feito, tiña facilidade de palabra, escribía no periódico, cantaba cunha orquestra que él bautizara co nome de “Fuxan os ventos”, compoñía para eles pezas musicais cheas de vida e ritmo que nós “tarareabamos” en ambientes festivos e, ¡que envexa!, ensináballe a bailar ás mozas do colexio onde exercía de capelán. ¡Vaia pro crego! 

Sendo eu xa crego e Delegado Diocesano da mocidade, acompañado tamén dunha marea de mozas e mozos, polos camiños cara san Facundo detiñámonos, en san Martiño, para pedirlle un vaso de auga á garimosa nai do P. Mato. En varias ocasións recibíunos él na súa casa natal. Non hai moito tempo atopei unha foto, de cando viviamos na Casa Diocesna, na que estamos brindando e cantando xuntos nunha noite de inverno, con outros compañeiros e a miña familia, na cociña da miña casa en san Estevo de Ribas de Miño.

¡Que coincidencias! Os dous ribeiraos e “papeiros”, da ribeira Este do Miño; os dous cregos que compartimos traballos coa mocidade e no periodismo. ¿Quen me ía dicir que aquel rapaz ó que o P. Mato entrevistaba na radio cando aínda era un adolescente ía ser o que eu substituiría un día na dirección e realización dos programas relixiosos en Cope-Lugo? 

Pois, sí, isto non é mais ca unha sinxela lembranza de aspectos dunha vida singular. Dun crego artista, escritor e amante da súa terra. Que chora de emoción cando “Galicia Canta ó Neno ou cando desexa dede o fondo da súa alma que “Fuxan os ventos” das maldicións e das inxustizas dunha terra chea de xentes esperanzadas a pesares das súas dores e dos seus sofrimentos.

Seguiremos xuntos polos camiños da Cope e de san Facundo sementando e cantando: “mentras no pobo medren un meniño, un vello e un cantar”.