Non é fácil de sintetizar nun tan reducido espazo os cincuenta anos de tan distintas actividades dun tan polifacético cura como o é Don Xesús Mato Mato.
Unidos el e eu no Seminario naquel curso primeiro de 1946-47, a nosa singradura, unida a unha terceira parte daqueles primeiros compañeiros, xa nunca tivo ocaso.
Dende xa os primeirísimos cursos de estudios o precoz Xesús empezou a sobresaír. Iniciouse mostrando os seus primeiros atisbos musicais. Consistiron especialmente en dirixir en competicións de Nadal un coriño formado con algúns compañeiros do seu curso.
Veu a ser este feito como un preludio da súa dirección doutros máis especializados coros xurdidos nos tres cursos de Filosofía e nos catro de Teoloxía.
Todo isto, xa nos seus primeiros anos pastorais en Lalín, foi coroado pola súa consagración musical como fundador e director da Gran Coral Polifónica de Lalín.
Pero xa nos últimos anos daquel noso bacharelato, e máis aínda andando o tempo, a par da faceta musical, desenvolvía tamén Xesús a organizadora e teatral. Froito delas foron moitas comedias e outros felices acontecementos nas festas de Nadal e noutras efemérides importantes.
Este espírito organizador aparecido tan cedo notaríase logo no seu labor radiofónico na entón estreada emisora Radio Lalín.
Co seu saber musical e coa súa ben aprendida tarefa radiofónica, exercerá Xesús en Lugo cidade unha moi dinámica segunda etapa pastoral.
O seu continuado entusiasmo pola música alenta, como “alma mater”, aquel xa mítico grupo “Fuxan os Ventos” e aquela fermosa realidade de “Galicia canta ó Neno”. Pero todo isto sen esquecer promover outras iniciativas de tipo social, destacando especialmente a xa célebre asociación “Auxilia”.
Uníase tamén ó seu labor pastoral en Radio popular a difusión de variados e importantes acontecementos relixioso-culturais.
Dun destes acontecementos teño eu un moi grato recordo. Durante unha hora de todas as tardes dun longo mes e medio do Ano Santo Compostelán de 1982, sendo Xesús o creador e condutor do programa, eu mesmo expuxen un pouco “A historia e o arte do Camiño Francés de Santiago no seu tramo lucense”.
Xa no atardecer da súa vida, unha moi fecunda terceira etapa sacerdotal está a realizar aínda o noso homenaxeado. Faina en parroquias ciscadas polas montañas de Pedrafita do Cebreiro, a carón da Rota Xacobea.
Nesta súa terceira etapa empéñase tamén Xesús cos seus fregueses en atención ós peregrinos e o labor de ir recollendo novos datos que deberán ser tamén incluídos nas novas historias das peregrinacións xacobeas.
E xa para concluír, direi que a Xesús Mato, na súa misión de cura rural, ningunha tarefa relixiosa e socio-cultural nin lle foi nin lle é allea ó seu grande compromiso sacerdotal.