Compromiso co País

O cura e o mestre, forzas vivas no medio rural nos anos dos meus comezos. Mais a miña relación con Xesús Mato non naceu no noso quefacer profesional; naceu dunha presentación, hai moito tempo, da que de seguro que el nin se lembra. Actuou de mestra de cerimonias -nunca mellor dito- a nosa ben querida Matuquín. Daquela que andaban a cantar ao Neno. Nese grupo xa eran líderes os meus colegas Mini e Mero aos que tamén coñecín por aquel tempo.

O cura Mato representa ese apostolado comprometido, dentro e fóra (en sentido figurado) dos canles ordinarias da Igrexa. Compromiso coa infancia e a xuventude. Compromiso co País: lingua, música, tradicións, patrimonio, en fin, cultura.

Cura nas parroquias do Camiño de Santiago. Coñecedor dos primeiros pasos na promoción moderna do Xacobeo e do renacer acaído grazas a eses homes e mulleres que creron no Camiño: Elías Valiña e moitos outros.

Di Walter Starski, un trotamundos irlandés dos anos 50, falando da peregrinaxe: O Camiño é unha viaxe cara  atrás no tempo e cara adiante no espazo. Pasado e futuro que tan ben representa o cura Mato. Inmerso nuns principios firmes sabe encarar o futuro con toda a súa modernidade. A súa autoridade non emana do poder, senón do que el é e do que representa. Autoridade duns poucos.

Respéctase  polo seu exemplo de vida, engaiola ao crente e ao que non o é…aínda que sempre se cre en algo.

En fin, respecto a quen é, foi e será. Respecto ao home e ao cura. Respecto.