Neste tempo turbulento no que o esencial parece que estorba, resulta moi esperanzador atopar cunha persoa, un crego, que vive a vida, tamén a súa fe, como un compromiso permanente.
Lonxe queda xa o fervoroso compromiso humanizador que para a Igrexa alentou o Concilio Vaticano II. A corrección dos excesos, que de certo se cometeron, semella que conduce á Igrexa de hoxe cara a camiños nos que predomina a miúdo un absurdo pietismo descomprometido e polemizador e, en ocasións, un ostentoso boato nas súas manifestacións externas e mesmo nos seus compromisos sociais, que parecen pouco consecuentes coa mensaxe do Evanxeo.
Mais o Deus dos cristiáns, no que eu creo, non se presenta como un negro burato ideolóxico polo que evadirse dos propios compromisos en calquera dos ámbitos nos que nos toca desenvolver a vida.
Crer é comprometerse, esixir e obrar xustiza, ter fame e sede de xustiza. Crer é arriscar, acoller, compartir. Crer é amar, é servir. E cando un cre deste xeito, maduro e comprometido, é necesariamente tolerante, fraternal, próximo, acolledor. E elixe, toma parte polos débiles e enraíza neles, nos humildes, nos necesitados a calquera nivel: existencial, económico, social ou mesmo cultural.
E sumido neste compromiso é como eu te percibo no tempo e como, caladamente, te admiro. Máis aló das anécdotas de Auxilia, ou da meritoria andaina polas parroquias da montaña; máis aló do teu recoñecido gusto polas manifestacións máis xenuinas da nosa cultura relixiosa ou popular, máis aló dos méritos de alentar esa racha de vento limpo que no seu momento foi Fuxan, máis aló de virtudes e miserias, pero con todas elas, queda o acó do teu comprometido compromiso, do teu testemuño de fe e de bonomía, de Igrexa crible, que se alonga no tempo, e que hoxe, como irmán na fe, quero agradecerche.