Dentro das moitas e importantes facetas de Xesús Mato Mato, gustaríame destacar que como humanista e, a nivel persoal, o que máis me abraiou cando o coñecín foi a súa grande capacidade de comunicación.
Coñecémolo cando veu a Sabadell co grupo “Fuxan os Ventos”, do que foi co-fundador e grande impulsor dende os seus comezos, e seica tamén tivo algo que ver coa fundación do grupo “A Quenlla”, que a podemos considerar continuadora da faceta creadora e musical galega, sempre reivindicativa e a favor dos máis desfavorecidos.
Tivemos a honra de contar con el na presentación do libro de Manolo Oreste, na nosa entidade, a Asociación Cultural Galega “SAUDADE”, e moito lle temos que agradecer as súas achegas e participación a tantas e tantas colaboracións que recibimos por mediación del.
Sería unha ousadía pola miña parte tentar facer aquí unha biografía de Xesús, cando de ben certo haberá outras persoas, moito máis preto da súa figura, que xa a teñen elaborada. De todos os xeitos, eu quixera destacar a homenaxe que lle fixeron no concello de Paradela, no pasado mes de xuño, non só porque o merecese, senón tamén porque foi unha decisión votada a favor e por unanimidade de todas as forzas políticas. Iso non acontece moi a miúdo na nosa Galicia e por iso, quero facer fincapé e subliñalo.
A súa dedicación e traballo, durante tantos anos, na montaña luguesa axudando a todos os moradores, veciños e peregrinos daquelas terras non ten parangón, nin coñecemos a ninguén que o fixese. As nosas gabanzas, por moi reiterativas que parezan, son poucas por telas ben merecidas e coido que, dentro da miña humilde comunicación, teño e debo reseñar.
Poida que me quede curto, poida que alguén diga que estou a facer unha loanza da persoa por quedar ben, pero dista moito da realidade: don Xesús Mato Mato é o exemplo de sacerdote que toda parroquia galega debería ter para que a nosa Galicia puidese gabarse de ter persoas tan carismáticas, creadores e benfeitoras das nosas contornas. Oxalá houbesen moitos “curas do Mato” en tantas comarcas como temos en Galicia. Seguro que mudarían moitas cousas, tanto no rural, coma nas vilas e cidades. Mesmo estou por aseverar que algúns políticos serían quen de seguir as súas ensinanzas e canto mellor nos iría en tódolos aspectos, se tivesemos en consideración as súas achegas.
Quero rematar agradecendo aos promotores desta publicación que me permitan dirixirme a todos con estas poucas verbas e felicitando a don Xesús polo seu 76 aniversario no vindeiro mes de outubro, desexándolle que cumpra moitos máis e que siga tendo tanta vitalidade e tanta bondade como amosa en cada unha das súas achegas á comunidade galega.
Témolo no noso pensamento e desexamos poder contar coa súa presenza dentro dalgunha programación cultural dos galegos en Catalunya, para sumarnos aos moitos recoñecementos que merece e que seguro está a recibir.
Parabéns, don Xesús, e por moitos anos máis.