Aquel día nevaba na montaña luguesa. No Courel, nos Ancares e tamén no Cebreiro. Na parroquia de Zanfoga, os paisanos vanse achegando á igrexa. Son moitos para o tempo que vai, pero son moitos os que non queren perder esta misa que sempre é curta, intensa e moi sentida. O cura utliza as verbas precisas, nin sobra nin falta ningunha, que chegan ao corazón e por iso se lle segue con grande devoción.
Aínda que as folerpas son agora máis grosas e continuadas, ninguén dos que van entrando ao adro dubidan de que o cura teña chegado. Non saben como, pero chega sempre. Non é un milagre, xa o saben, é cuestión de vontade, entusiasmo e de firme crenza no labor pastoral.
Cando a misa remata, o crego detense a falar con varios dos asistentes. Failles preguntas que revelan coñecemento das familias, dos traballos e das preocupacións de cadanseu, dálles azos e consellos con calma e atención plena ao que lle din. A súa actitude non indica présa, de tal xeito que os seus interlocutores non poden sospeitar o que lle queda por facer no resto do día.
Agora a intensidade da nevarada parece diminuír. Nótaselle no sorriso ao señor cura, no momento de coller o seu coche camiño de Lugo. Durante a viaxe vai repasando mentalmente as obrigas dese día. O artigo que ten que escribir e entregar ao xornal, a visita no hospital ao fregrés que antonte operaron, a xuntanza cos minusválidos para buscarlle solución ao problema que acaba de planteárselles, o ensaio co coro de rapaces que hoxe esperan con especial inquedanza porque comeza unha peza nova, a asistencia á conferencia dun amigo que ás oito fala en Sargadelos e a radio, xa se estaba esquecendo da súa intervención nese medio no que sempre lle din que é moi escoitado. Pero el ben sabe que entre unha e outra cousa vai atopando amigos pola rúa e falando con eles do divino e do humano, sempre sen présas e co sorriso e a indignación fronte á inxustiza prontos a saltar.
Ao lector estálle parecendo que estou describindo a varios cregos. Pois non. Só falei dun crego sinxelo e verdadeiro, pero tamén excepcional e ás veces ubicuo que se chama Xesús Mato.
Lugo, inverno do ano 2009.