Cando todos, arreo, na sociedade e na igrexa, marxinaran á mocidade, nunha terra de ninguén, coma unha etapa baleira, sen proveito, ao máximo, unha transición ou uns efluvios típicos da idade, Xesús Mato, entregouse en varias xeracións, nobremente, dando pulo a tanta creatividade posíbel que inzaba ao seu redor.
Rente del, tamén os había, que preferían manipular e indoutrinar aquela fervenza de vida, a prol das súas ideas e crenzas reducionistas, impedindo o libre desenvolvemento daquelas rapazas e rapaces. O traballo deste educador total, lonxe de cuartear unhas personalidades que estaban a abrirse á vida, nace da sinceridade e autenticidade do seu mester, que só atende os postulados dunha educación liberadora. Só nestas coordenadas, puido acaer, o nacemento de Fuxan os Ventos ou Auxilia, o Coro Mixto da Xuventude ou Galicia canta ao Neno, creacións, coa forza e a emoción dun verdadeiro humanismo.
No ermo de tanta rutina e pasividade, “a longa noite de pedra”, despuntaron unhas xeracións que enxergaron un horizonte de luz, que fixo crer que outro mundo era posíbel, mesmo alixeirando paseniño aquela situación dramática do rural: “o derradeiro, que apague a luz”, a emigración. Xesús Mato falou da “prodixiosa década dos 70”. Arrequentou co seu espírito entusiasta e cordial, aquelas inquedanzas que atesouraban nos corazóns, tantas mozas e mozos que viñan a estudiar a Lugo, concretamente aos colexios menores ‘Eijo e Garay’ e o feminino ‘Santísimo Sacramento’. Foi unha oportunidade que o axudou a crear un viveiro de actividades artísticas, culturais e sociais..., que incentivaron a cultura do país.
Neste marco de acompañamento da mocidade, non foi máis nimio, o seu labor de comunicador destas experiencias xuvenís, a través dos medios, a toda unha sociedade anquilosada pola parafernalia do autoritarismo e paternalismo, que non asumía que a xente moza fose capaz de tanta creación. Para que se sentisen protagonistas do seu desenvolvemento coma persoas e cidadáns. Un segmento da poboación que non existía para as informacións, a non ser por sucesos negativos. Nuns medios que exercían só coma a voz do seu amo, o traballo de Mato, no noso idioma, transmitindo estas iniciativas, coma “sinais” de que os “tempos novos” xa chegaran, convertérase nunha forza profética, que foi atraendo a ducias de mozas e mozos, para aquelas accións fornecedoras de investigación da nosa cultura popular, de loita contra as discriminacións das persoas discapacitadas e as súas familias, inculturación da igrexa ou reivindicación do idioma.
Naquela revolución, liderada por Xesús Mato, a mocidade foi superando un complexo de inferioridade respecto á cultura de seu, e foi recoñecéndose chamada a robustecer aquel galano dos seus devanceiros, que era a identidade que estaban a conservar, durante séculos, nas súas aldeas, as labregas e labregos. Endexamais un eido marxinal, senón o fogar do noso espírito.
Cunha lentura encomiable foi abrindo camiño a moitas e moitos, na recolleita e procura da literatura oral, a música tradicional, o sentir popular de facer pobo. Xa temos perspectiva abondo para rexistrar ese tempo senlleiro, que Mato axudou a xermolar, coma a hora afortunada de plasmar os soños en realidades participativas e compartidas, que reverterían despois nas mesmas aldeas e vilas de orixe. Aquela andadura forxou líderes entre eles, membros activos da rede de asociacións das comarcas de Lugo e de fóra. Grazas á sabedoría e lucidez deste mestre, a estadía na capital destas fornadas de cidadáns, foi un manancial de recursos adquiridos, cunha metodoloxía democrática, a través daquelas iniciativas sociais e culturais, que empurraría a varias e varios, anos despois, á primeira liña dos colectivos galegos, que normalizaron o que xa viviran na súa realidade estudiantil, coma voluntarias e voluntarios daquel espertar artístico do Lugo dos 70.