Con toda a vida por diante

Con toda a vida por diante e absolutamente todo por aprender, con once anos acabados de estrear e sen coñecer a ninguén máis que a penas catro ou cinco amigos, entre os moitos rapaces cos que compartía colexio, comezou o meu andar pola capital. Non estaba afeito a arranxarme polo meu so, porén a vida cotiá íanos aprendendo como eran as regras de subsistencia na cidade. Así foi como un día tras outro fun adaptando o meu ser á nova vida na capital.

Sempre me gustou a música. A vida nun colexio ten moitas horas de baleiro se non buscas en que empregalas. Había compañeiros que se lles daba ben a guitarra e cantar, e con bastante regularidade atopabas nalgunha aula ou mesmo nun vestíbulo a alguén tocando. Eu sempre me paraba a escoitar e a mirar como colocaban os dedos para ir facendo as posturas dos acordes. Nunca collera unha guitarra nas mans pero tiña moita curiosidade por probar, por saber tocar algo. Empecei a collela ás agachadas, sen que ninguén me vira, e por suposto sen que o dono do instrumento o soubera. Non era eu so. Outros coma min tiñan a mesma miña inquedanza e como xa se sabe, un día aprendes unha cousa, outro día apréndeslla a un amigo e pouco a pouco empezas a rascar algo. O peor e cando te descobren. A ningún afeccionado á música lle gusta que lle usen o seu instrumento, e menos sen pedir permiso.

Non moito tempo despois oín falar dun crego apaixonado pola música. Chamábase Xesús Mato. Souben por compañeiros que Xesús era o crego do Santísimo Sacramento, colexio no que eu tiña algunhas amizades.

Tamén me enterei que ensinaba a música a rapaces e rapazas e que dirixía un coro, ou algo así.

E foi así que sentín curiosidade por coñecelo. Xamais sospeitei que un crego puidera ser unha persoa tan cercana como era Xesús. Eu non me tiña relacionado moito cos  cregos e por suposto este era un ben diferente dos que eu coñecía.

Souben que reunira a rapaces e rapazas para formar un grupo de música e que as cancións que cantaban moitas delas eran aprendidas da xente maior, de xente do rural que as transmitían oralmente como as lembraban dos seus devanceiros. Foi deste xeito, ata onde eu alcanzo a saber, como naceu “Fuxan os Ventos”. O pai da criatura era Xesús.

Non é preciso recordar a importancia deste Grupo na historia recente de Galicia. A música tradicional complementábase coa realidade social que atravesaba o País. A inxección de veleno que o pai Mato proxectou nos integrantes máis sensibles á nova realidade dentro do Grupo non tardou en agromar na conciencia de moitas xentes que escoitaban as cancións. De súpeto moitos galegos e galegas abrían os ollos a esta nova realidade, descubrindo un latexar que levaba tempo durmindo.

Xesús sempre foi unha persoa de ben e xenerosa en grande medida. Foi e é amigo dos seus amigos. Eu non coñezo nin chego a imaxinar a ninguén que me fale mal de el. Sempre tentou mediar para ben ante calquera situación de conflicto. É un bo home. Tan boa persoa é que mesmamente teñen chegado a abusar de el aproveitando a confianza que dá para usala en situacións de beneficio persoal e pouco ortodoxas. Xa se sabe que hai xente desta condición que non repara en nada cando trata de saírse coa súa.

Cando a súa iniciativa, o seu proxecto primixenio se veu truncado; cando o Grupo iniciado por el anos atras, o seu grupo, se escindiu nos primeiros oitenta, el non levantou a voz. Mesmamente lle xogaron unha mala pasada co nome que el parira. Nunca deu o máis mínimo chío.

Xesús seguiu dando exemplo como persoa a todos os que o coñecían cando decidiu deixar a vida acomodada na cidade por achegarse un chisco máis ás xentes do rural. Así é que agora estamos a celebrar eses vintecinco anos como crego na montaña luguesa, que son cincuenta de vocación e setenta e cinco como unha das mellores persoas que eu coñezo e pola que non dubidaría en dar o que fora preciso se se presentara a ocasión.