Amigos de Mato, amigos da música, amigos do Orfeón: Os membros do Orfeón Lucense quixemos celebrar os primeiros oitenta anos de Xesús Mato, Director de noso, amigo que nos honra coa súa amizade, músico desde o berce, creador de músicos e de música.
E foi precisamente na Festa de Santa Cecilia, a padroeira da música, cando quixemos xuntarnos arredor del para simplemente dicirlle “Estamos aquí, contigo”. E pareceunos que o mellor xeito de facelo era darredor dunha Eucaristía que todos compartimos, arroupados polo canto do Orfeón, dirixido polo noso tamén director, Marcos Fernández Mosquera.
En principio ían concelebrar o propio Mato, homenaxeado e sempre homenaxeante noso, xunto con Luis Castiñeira, párroco desta igrexa, e sobriño do creador deste noso Orfeón, o P. José Castiñeira Pardo. Pero logo uníronse o franciscano P. Enrique Mourille, sobriño do músico P. Feijóo, do que ven de publicar a 1ª parte da súa obra polifónica, e o crego Xosé Manuel Carballo, mestre da Igrexa e do mundo, facendo combinar tan xenialmente o humano e o divino.
E todos vós, e todos nós, para confirmar que xuntarse é importante, para proclamar que a música é un dos xeitos máis perfectos de sentirnos vivos, de rezar a Deus, e de expresarnos como seres humanos. E para dicirlle a Mato que os humanos temos memoria, lembramos o ben que nos fan, e que nada queda no esquecemento – nin no outro mundo, nin neste- e que tantos anos de dedicación á sociedade galega creando Auxilia, facendo radio para os que necesitaban apoio desde a radio, creando as misas para enfermos a través das ondas, promovendo a creación de Fuxan os Ventos que revolucionou a nosa cultura, dedicándose á xente da nosa montaña, acompañándonos, estando sempre aí... todo eso provoca, como cada acción, unha reacción. E hai reaccións duradeiras, que se instalan en nós para sempre, como a especial reacción – esto si que é un movemento continuo- que a temos cara a el; e reaccións dun momento dado, coma esta que nos moveu a achegarnos hoxe aquí para manifestarnos “partidarios de Mato”.
Gracias, no nome de Orfeón, a todos pola vosa presencia. Aos que oficiaron e aos que participamos; aos que cantaron e aos que nos bule a canción por dentro; ao Presidente da Fecoga, Antonio Rey, que veu desde O Carballiño para acompañarnos; a Ignacio R. Eguibar, Presidente dos antigos alumnos de Artes Aplicadas por ser sensible ao que nós queremos ser sensibles.... aos membros doutros coros e agrupacións lucenses... ao alcalde de Paradela e ao Presidente do Consello de Administración de Radio Televisión de Galicia... a todos e cada un de vós, porque nos facedes sentir ben. E porque facedes sentir tan ben a Mato, o noso amigo.
Teña rúa co seu nome en lugo, como moitos desexamos, e algún venmo de dicir agora mesmo, ten un lugar inmenso nos nosos corazóns.
Felicidades Mato, por eses primeiros oitenta anos. Cando o coñecín, eu tiña vinte anos e el trinta e cinco. Parecíanos aos do meu tempo un señor moi maior. E a verdade é que hoxe é moito máis novo que daquela.
Non é que teña ningún pacto especial para unha eterna mocidade. Pero vive esa permanente mocidade que algúns conseguen. Porque a mocidade permanente conséguese, pero hai que traballala, pulila, acompañar aos novos, sentirse novo, traballar, moverse, servir aos demais... Mato é un dos máis novos de todos nós. Por eso estamos todos aquí hoxe, para que se sinta a gusto, sabendo que está no bo camiño, e para que cando sexa maior – moitísimo maior- siga traballando, e velando por nós. E formando parte do Orfeón Lucense, que abora bai baixar para cantar á súa beira, entre nós.
E por se as palabras non son abondas, para deixarllo moi claro, eu remato pedindo para a música, para o espíritu que nos anima, para todos nós, e especialmente para MATO, un forte aplauso.
Xulio Xiz