Xesús Mato, persoa de raíces e fidelidade

A conversa máis recente que tiven con Xesús Mato foi na praza de Santa María, revestidos ambos os dous liturxicamente para participar xunto con varios centos de cregos máis no funeral polo bispo Frei Xosé. Naquela breve leria, momentos antes da acción litúrxica, Xesús fíxome unha loanza breve e sucinta sobre o finado. Eu sabía que tempo atrás se producira un doroso distanciamento entre eles, polo que aquela loanza me resultou especialmente significativa. Era expresión xenuína da personalidade de Mato. Non abundan os que saben recoñecer e admirar as persoas por riba ou á marxe da distancia ideolóxica e mesmo afectiva. Neste caso puiden percibir tamén un afecto fondo de Xesús polo seu bispo.

Os meus encontros e amizade con Xesús Mato naceron por causa dos traballos para A sentinela, o programa relixioso da TVG. Coñecino, pois,  en plena madurez  e cun percorrido vital, humano e sacerdotal que xa deixaran definida e expresada a súa personalidade. Daquela xa todo Lugo e case toda Galicia, nos ambientes eclesiais e fóra deles, sabían que era Xesús Mato.

O primeiro contacto entre os dous foi  con motivo dunha campaña contra as barreiras na cidade de Lugo, promovida por Auxilia, a activa e benemérita asociación luguesa de discapacitados físicos, na que, como un voluntario máis, estaba comprometido Xesús. Era a primeira vez que me encontraba con el e entre os dous fluíu sen atrancos unha mutua corrente de empatías e afinidades. Esa amizade marcoume significativamente e axudoume a revisar moitas actitudes persoais que ata ese intre estaban durmidas.

Existen “ministerios” eclesiais e cristiáns que só se exercen debidamente na vida e desde a vida, isto é, coa xente e entre a xente. E a xente que máis precisa do noso ministerio/servizo é a que máis demanda apoio e esperanz por padeceren situacións de indiferenza, empobrecemento e marxinación de variado signo. Gracias a Mato, refixen algunhas propostas e perspectivas persoais, entre elas e a máis decisiva, que necesitamos mirar ben a vida e mirala con capacidade para sorprendernos de que haxa tan pretiño de nós persoas que sofren caladamente e esperan unha man, un signo cálido de compaña e atención.

Este agasallo magnífico froito do meu primeiro encontro con Xesús Mato acrecentouse cando, tamén coas cámaras de A sentinela, subimos canda el á montaña para facer varias reportaxes: sobre a relixiosidade popular e os ritos da mesma, sobre as persoas maiores, os vellos, testemuñas cavilosas dun mundo do que desaparecen as relacións familiares máis cálidas, reemprazadas  por servizos e programas de atención -necesarios, por outra parte- deseñados pola política local e autonómica.

Foron horas de traballo gratificante, especialmente pola ilustración do seu saber e da súa implicación persoal naquel mundo, ao que se sentía pertencer e que sempre quixo dignificar. Foi nesa ocasión cando souben da súa decisiva aportación para o nacemento de “Fuxan os ventos”, do labor de recollida de cántigas populares, de danzas e ritos familiares e sociais do entroido, das festas, relixiosas e non relixiosas,  sempre con ese xeito tan de seu que superaba a curiosidade folclórica para recaer na dignificación e nobreza primixenia das mulleres e homes da montaña, os seus fregueses, posuidores da  singular escrutadora mirada sobre a vida, esa mirada que el compartía.

Na hora das colleitas, cando os froitos falan por si mesmos, desde atalaia da madurez lúcida, Xesús Mato, podes dar grazas a Deus e a Cristo o Señor -como seguro farás- porque che deu a sensibilidade e mais a perspicacia de saber estar entre a mellor xente do mundo, os teus fregueses da montaña. 

Por iso tes tantos amigos e por iso eu hónrome de ser un deles.

Noraboa.