Cando se fai un libro en homenaxe de alguén, no que cómpre destacar todas ou moitas das súas vertentes e facianas, nun home como Xesús Mato, isto obrigaría a publicar máis dun tomo e por iso, limitados polo espazo dispoñible, debéramos cinguirnos á nosa visión dunha figura tan poliédrica coa que queremos compartir as súas, tamén, polifacéticas celebracións.
Pero a cousa é complicada, pois estamos diante dunha figura irrepetible, pola cantidade de cualificacións que a calquera se lle ocorrerían para definilo: ademais de sacerdote (nel, algo máis - abondo máis - ca unha “profesión”), fixo de etnógrafo recolledor de cantigas e tradicións, maiormente da montaña lucense, que logo Mini e Mero tiveron a ben transmitirnos oral, literaria e musicalmente; exerceu de xornalista radiofónico e aínda nos ensina a entender moitas cousas desde as súas colaboracións na prensa escrita; é conversador firme pero afable e, en fin, serve de anfitrión impagable aló onde o atopas e máis aínda no seu terreo, nas súas parroquias do Cebreiro.
Pois é na montaña oriental lucense onde Mato se converte nunha luz para fieis, nun guieiro para camiñantes e nun defensor do Camiño que leva a Compostela. Sabemos ben, e algúns de primeira man, que Xesús Mato entende a peregrinatio como algo máis ca unha andaina (disimulen, hoxe hai moitos que, ad pedem literae, non a “andan”). Facer o camiño esixe unha proba de decisión, de esforzo e de vontade de solidarizarse tanto cos outros viandantes como cos que os ven pasar desde hai séculos.
Ademais, o noso homenaxeado comprende e asume que o Camiño Xacobeo é un fenómeno social e un itinerario vinculado ó territorio histórico que o viu nacer e evolucionar, a unha paisaxe cultural que se conformou tamén en torno á propia ruta de peregrinación. Ó cabo, sabe exercer de protector dos elementos do patrimonio cultural vinculados ó Camiño Francés (velaí a súa loita polas igrexas de Liñares, do Hospital, de Padornelo, de Fonfría...) e batallando, -tamén hai que dicilo, con diversa fortuna- para facer posible a súa conservación e protección co seu uso, ás veces cambiante, en ocasións respectuoso pero moitas outras mesmamente agresivo.
Neste panorama do camiño de peregrinación considerado o de maior transcendencia histórica, Xesús Mato veu e vén sendo unha luz guieira, espiritual e intanxible e así mesmo formal e material, que complementa de xeito perfecto e transcendente (pois incide no país nos que a el chegan e pasan) todas as súas outras facianas humanas e profesionais, para darse a nós e ós outros, a ese “nós-outros” que tan ben se reflicte nos camiños.