Xesús Mato —o P. Mato, como moitos lle chamamos— é un home «bo e xeneroso». Si, coido que se lle poden aplicar, con toda propiedade, estas palabras dun verso de Pondal recollidas no noso himno.
No pasado ano de 2008, o amigo Xesús Mato estivo de cumpreanos: os setenta e cinco de idade, os cincuenta —as Vodas de Ouro— de cura e os vinte e cinco de cura na Montaña luguesa.
Coñecín a Xesús Mato hai moitos anos. Foi aló polo mes de outono do ano mil novecentos setenta e dous cando na vella cidade de Mondoñedo se estaban a celebrar as Feiras e Festas de As San Lucas. Ata a cidade episcopal chegou Xesús Mato cun grupo de rapaces e rapazas para participar —coido que era a segunda edición— no Cancioneiro de As San Lucas. O grupo, que se chamaba Folk 72, foi o gañador do certame coa canción «Fuxan os ventos», que logo daría nome ó grupo. Xesús Mato está, pois, na fundación de Fuxan os ventos, aínda que —así se escribe a historia— non se mencionase para nada nos actos conmemorativos que houbo no ano 2008.
Logo coincidín con el varias veces, sobre todo no tempo de Nadal, cando percorreu Galicia con Fuxan os ventos e outros grupos co proxecto Galicia canta ó Neno. Desde aquela somos vellos amigos.
Pero ¿que dicir de Xesús Mato? Xesús Mato é un home acolledor, un home respectuoso cos demais. El ten as súas ideas, a súa maneira de pensar, o seu xeito de ver a realidade... —como temos todos—, pero nunca trata de impoñerse ou de impoñer as súas ideas e asoballar ós demais. Podemos afirmar, sen dúbida e sen medo a esaxerar, que Xesús Mato é o «vir iustus» de quen nos fala a Sagrada Escritura, o «home xusto», no que a xustiza acada unha plasmación existencial que reborda o seu significado filosófico para abranguer todas as virtudes teologais e cardinais. El é home de fe profunda e ó mesmo tempo sinxela, ou se se prefire popular, á maneira das nosas xentes rurais coas que está en contacto cotiá, á maneira dos nosos vellos e vellas das aldeas do noso país. Unha fe á que el se achega máis polos camiños vitais do vivir e do sentir no medio das nosas xentes, que polos vieiros un tanto retortos dos raciocinios lóxicos, nos que a fe relixiosa e cristiá non é só, aínda que tamén, un conxunto de verdades ás que hai que asentir, senón unha actitude vital e existencial diante do Absoluto revelado en Xesús, que conforma todo o ser e facer da persoa.
O P. Mato é, como xa dixen, un home bo e xeneroso. De Xesús Mato cómpre, xa que logo, salientar a súa dispoñibilidade para todo o que se lle pida; a súa sinxeleza para abaixarse a quen queira que sexa; o seu espírito observador; a súa actitude de servizo ós demais; a súa fidelidade á súa terra, á súa lingua e ós seus homes; o seu talante de persoa tolerante, pero con firmeza de criterios; os seus amplos coñecementos e a súa curiosidade por saber máis; as súas profundas conviccións relixiosas.
Penso que a Xesús Mato acáenlle moi ben estes versos do poema titulado «O velliño das barbas brancas», no que o poeta chairego Xosé Crecente Vega describe a un patrucio da Chaira:
dereito coma un xungo; rexo coma un caxigo;
maduro e seco e bon coma espiga de trigo.