XESÚS MATO: UN ESCONXURO CONTRA O MAL AIRE

Esvaeceuse na miña memoria o momento en que souben da existencia de Xesús Mato. Gardo unha bretemosa lembranza, que debe situarse nun momento impreciso de mediados da década dos setenta do século pasado. Trinta e tantos anos despois vénme á mente que quizais foron algúns amigos e compañeiros meus, que daquela colaboraban con Auxilia-Lugo,  os que me falaron daquel crego distinto,  que falaba galego e andaba a traballar en causas solidarias coas que eu simpatizaba abertamente. Para min, un adolescente inquedo que se iniciaba, ás atoutiñas, na recuperación da propia cultura e da lingua que aprendera de neno e que despois lle fora negada; saber da existencia e da actitude dunha persoa coma o Padre Mato era unha referencia e un exemplo que cumpría imitar naqueles tempos sombríos.

Daqueles anos é tamén o recordo, que rescato con moita máis precisión, dun festival musical organizado por Auxilia no desaparecido Gran Teatro de Lugo (desaparecido como tantas outras cousas importantes e identificadoras ante a indiferenza e a pasividade da cidadanía luguesa). Daquel festival lembro a actuación do cantautor Ricardo Cantalapiedra (...“no queremos a los grandes palabreros, queremos a un hombre que se acerque a nosotros, que cante con nosotros, que beba con nosotros el vino en la taberna”) e, sobre todo, a do grupo Fuxan os Ventos. Foi a primeira vez, despois virían moitas máis,  que os puiden ver e escoitar en directo. Creo que os de Fuxan os Ventos aínda non gravaran o seu primeiro disco e impresionáronme fondamente polo ben que cantaban e, aínda máis, polo que cantaban: os versos dos poetas que un comezaba a ler e amar e, sobre todo, aquelas pezas recuperadas da tradición que me facían regresar á miña infancia chairega e ás esencias primordiais.

No medio de todo aquilo andaba o cura Mato, pero eu non sabía, sóubeno algún tempo despois, que el formaba parte de Fuxan os Ventos e que era autor de músicas e letras, entre outras as da canción que lle deu nome ao mítico grupo, unha letra que non perde vixencia e que segue a ser un ensalmo, un auténtico esconxuro contra os malos aires, contra a negrura da noite, contra as persoas que, de tanto mirar o propio embigo,  avolven e empezoñan a vida e as augas limpas e, tamén, un rotundo canto de esperanza e de futuro: “No fondo da ialma do noso pobo, latexa a forza dun mundo novo”.

Anos despois puiden coñecer e tratar a Xesús Mato e atopeime cun home sinxelo, afable, próximo, de mirada limpa. Unha persoa que transmite serenidade e na que admiro, en ocasións tamén dende a discrepancia —ou mellor— dende a non coincidencia,  a fidelidade ao seu compromiso e a súa coherencia insubornable que co paso dos anos lonxe de minguar, crece e adquire unha dimensión extraordinaria. A dimensión da solidariedade cos máis febles, a do combate de toda unha vida, contra a indiferenza e a pasividade,  polo ideal de construír un mundo mellor.