Xesús Mato, testemuña de compromiso

Sendo persoa afable e sinxela, Xesús Mato ten unha traxectoria de impresión; ten chegado a ser, dende fai xa moitos anos, un heroe dos que precisamos nesta sociedade nosa actual.

Despois da labor que como crego afrontou na vila de Lalín, onde adquiriu sona a súa innovadora utilización da radio como medio de comunicación tamén para a difusión da mensaxe relixiosa (tamén niso foi un adiantado innovador),  resultou destinado a cidade de Lugo gañando ampla difusión o seu labor de crego, especialmente na responsabilidade das celebracións eucarísticas que semanalmente se retransmitían por radio popular de Lugo, que chamaban a  atención pola participación dos segrares, pola novidade dos cantos relixiosos empregados, ou pola súa apaixonada e clarificadora mensaxe homilética, acadando postos de responsabilidade pastoral na Curia diocesana. Teño o convencemento de que nunca esquivou traballo, pero de que en máis de unha ocasión optou por non aceptar nomeamentos para cargos dentro da estrutura eclesial, ata o punto de decidir nun determinado intre –xa hai moitos anos--  por exercer  como crego no mundo rural, na montaña luguesa.

Sen dúbida que o seu compromiso de crego tivo que ver en tódalas actividades,  desenvolvidas sempre con atino, pero sobre de todo na decisión de asumir o papel de crego rural en momentos en que xa se adiviñaba a crise do mundo rural.  Non só na decisión, que se adopta nun intre máis ou menos prolongado, senón en permanecer fiel á mesma, atendendo a parroquias que se foron quedando sen os seus  mais novos...; decisión que tomou e mantén indo contra corrente, como os demais cregos que quedan no rural, porque a crúa realidade evidencia que do rural marcharon os médicos, os mestres, moitos dos seus habitantes e que ao rural xa non vai ¡nin a Garda Civil!; vai contra corrente, porque mesmo desde a Administración pública se estivo financiando o abandono do rural, porque a iso conduce subvencionar a actividade gandeira, por exemplo, e se seguen a tomar decisións que obrigan aos máis novos a facer os estudos cada vez máis lonxe do rural da súa veciñanza respectiva.

Sen embargo, Xesús Mato, coa súa bagaxe cultural,  optou por acompañar aos  poucos que, sen esperanza,  quedan nunhas  aldeas onde os seus habitantes viven como carentes de perspectiva, e da animosidade que pon nese labor dan conta as novas que sobre as actividades socio-culturais e relixiosas feitas nesas parroquias.

Cómpre un recoñecemento público aos cregos do rural, como Xesús Mato, non só porque foron os adiantados da chegada ao rural de boa parte das innovacións  que agora hai, senón porque coa súa presenza e actividades de  animación  e orientación teñen favorecido  que a cultura popular da que podemos gozar se teña conservado, mesmo no referido ao patrimonio (igrexas, cemiterios, locais sociais…). Son un exemplo de entrega, que están a carón dos seus  para superar nostalxias e conseguir asumir novas inquedanzas e ilusións, mesmo para deixar atrás un pasado anacrónico, cando ben podía seguir naquela outra Galaxia en que puido ter unha “xefatura” (no eido eclesial)  ou mesmo exercer un atractivo papel de líder ou promotor (no eido da música, na inxente labor de “Galicia canta ó Neno” e na súa colaboración en “Fuxan os Ventos”, etc., ou mesmo no da comunicación radiofónica).

No quefacer de Xesús Mato pálpase que era sentida a letra da cantiga “Fuxan os ventos”: Anque choren os campos,/na sua orfandade,/morran solos os vellos/ afogando as penas;/anque non sone a gaita/nas romerias,/fuxan mozos e mozas/ á terra allea./No fondo da ialma/do noso pobo,/latexa a forza dun mundo novo./Por eso queremos cantar….”

Xesús Mato seguirá con ese mesmo optimismo na súa venturosa teima de transmitir a súa alegría de vivir, que contaxia co seu entusiasmo por aquela inquietude en que a sazón estea embargado; sempre é agradable encontralo pola conversa que suscita, xa que nas súas inquietudes acostuman a ser admirables;  encamiñadas sempre a prol dos demais, sexa no  eido social,  no  cultural ou no relixioso. Mesmo cando interpelan: lembro a categórica advertencia que me fixera cando eu acabada de asumir a dirección de Cáritas Diocesana de Lugo, no senso de que non cabe caridade onde non hai Xustiza; foi unha das moitas interpelacións que del teño recibido.

De aí que empezara sinalando a Xesús Mato como un heroe: O noso país precisa de persoas coma el que con notable renuncia enfrontan unha causa que estiman xusta, e mesmo precisamos de curas que saiban falar con Deus en galego.  Xesús Mato é unha referencia exemplar para ficar no compromiso co país, coa súa cultura e, sobre de todo,coa súa xente. A súa obra e o seu compromiso  son unha verdadeira proeza.

Fagamos, pois, un brinde por Xesús Mato. Un heroe que seguirá a interpelarnos.