Xesús Mato resiste o paso do tempo

A ocasión para falar da personalidade de Xesús Mato dánola o paso do tempo, simplemente: el cumpre tres cuartos de século de vida, medio século de cura, un cuarto de século de cura de Padornelo e Louzarela na montaña do Cebreiro.

O irremediable paso do tempo leva consigo aumento de experiencia e coa experiencia xorde a desilusión e o escepticismo. Bardají, na revista de humor «La codorniz», propuxo, hai moitos anos, unha cronoloxía para o avance desa desilusión e escepticismo na vida humana. Segundo esa cronoloxía, dos vinte ós trinta anos, o home pensa que hai que cambiar o mundo. Dos trinta ós corenta pensa que el cambiaría o mundo. Dos corenta ós cincuenta anos advirte que o mundo é moi difícil de cambiar. E dos cincuenta en diante, pensa que o mundo non hai quen o cambie.

Xesús Mato non participa nesa evolución negativa. A nota que mellor define a súa personalidade é, polo contrario, a persistencia na ilusión, no ánimo de cambiar o mundo en contra do paso do tempo. Non se dá por vencido, é un resistente ilusionado.

¿Cal é, pois, a súa batalla? ¿Cal a ilusión á que non renuncia? Hai que facer unha observación previa. O medio século de cura que celebra agora Mato comeza o ano cincuenta e oito. O ano en que Xoán XXIII sucede no papado a Pío xii. Do príncipe Pacelli pásase ó campesiño Roncalli. A estas alturas do tempo aquel cambio aparece como, máis
que un cambio de Papa, un cambio de época. A convocatoria dun Concilio —o que ía ser o Vaticano segundo—, feita polo papa Roncalli, significaba o abandono dun exercicio autocrático do poder para deixar falar, devolverlle a palabra a toda a igrexa. Viña a ser o cambio da igrexa clerical pola igrexa popular. Na linguaxe do Concilio, a igrexa foi afirmada como «pobo de Deus». O Cristián podía ser, ó fin, maior de idade. Era a asunción, por parte da igrexa, do ideal da Ilustración, a «maioría de idade» para o home. A proclamación tardía da liberdade relixiosa.

O compromiso de Xesús Mato obedece a ese cambio de orientación que o Concilio Vaticano último marcou para a igrexa. Unha igrexa feita pobo e ó servizo do pobo: ese é, no bo sentido da palabra, o «populismo» de Mato, fronte ó tradicional «clericalismo». A proposta desclericalizadora do último concilio segue a ser unha tarefa pendente, inacabada, abandonada. Recordemos a acusación de «temporalismo» e «democratismo» feita contra a Asemblea de curas e bispos española pola romana Congregación do Clero, presidida por monseñor Palazzini, do Opus Dei. ¿Que conta o pobo, aínda hoxe, nos asuntos da igrexa, na elección de bispos, por exemplo?

Xesús Mato non renuncia a cambiar o mundo, a cambiar a igrexa. O paso do tempo non acabou coa súa ilusión. A súa fe cristiá resiste o paso do tempo. «Cristo anunciou o reino de Deus e veu a igrexa», dicía o famoso teólogo modernista Alfred Loisy. Podíamos dicir tamén nos: O Concilio Vaticano segundo propuxo a igrexa pobo de Deus e veu a igrexa de Rouco e a súa dinastía. Pero Mato non se resigna. Outros, menos optimistas, pensan que o Reino de Deus non é deste mundo.