Coido que hai trinta e sete anos que coñezo a Xesús Mato. Eu traballaba na primeira escola en Lugo para xitanos, nun pavillón do antigo hospital de Santa María, e veu por alí non recordo con que motivo, en compaña de Teté Álvarez. Aquel foi o comezo dunha amizade duradeira, malia que a vida teña retardado a frecuencia dos nosos encontros. Aínda así, cada vez que nos atopamos podemos recordar aquilo de Frei Luís de León: Como decíamos ayer … E é que o tempo non ten poder contra ese continuo que son os afectos grandes e desinteresados. Daquela, declaro que Mato é o meu amigo e que iso me fai rica.
Porque, se calquera amigo é un tesouro, cando ese amigo ten aquilo do que nós carecemos, aínda o valoramos máis. Falo do optimismo e da alegría de vivir. Non sei en que fonte bebe Xesús para conservar intacto o entusiasmo e a confianza na humanidade que lle coñecín hai tantos anos. Ou se cadra si que o sei. El é un cristián convencido, máis próximo ao Evanxeo que ás convencións dunha Igrexa que a cadora se afasta máis da xente e dos seus verdadeiros problemas e inquedanzas. Quizais sexa para os máis conservadores un heterodoxo; mais, para quen saiba ler, é o seguidor do Deus de Xesús de Nazaret, o Pai e non o Xuíz implacábel.
Teño para min que as crenzas e a praxe de calquera doutrina adquiren, queiramos ou non, a forma do recipiente de quen as acolle. Os predicadores que fan fincapé na intrínseca maldade humana e na ira de Deus, son eles ruíns ou están marcados por temores que deberían psicanalizar. Os que ven en toda a creación o reflexo da bondade de Deus, os que teñen unha mirada comprensiva para as limitacións dos mortais, adoitan ser eles fillos da mesma luz que os ilumina. O segundo é o caso de Xesús Mato. Endexamais lle escoitei anatemas contra ninguén e sempre o vin acoller os outros, tal como son, na piedade do seu corazón grande.
Quen sente ao lado deste crego e o escoite de vagar, saberá das súas inquedanzas e comprenderá por que, ben pasados os setenta, segue a ser un home novo. O seu labor pastoral nas parroquias da montaña luguesa non ten nada de rutineiro como cabería esperar da súa idade cronolóxica. Mato procura cada día un novo xeito de achegar a súa mensaxe, que sempre é de amor e agarimo, aos vellos e aos poucos rapaces que, na máis hostil das nosas xeografías, loitan pola supervivencia. Alí segue a aprender –outro síntoma de xuventude- desde a sinxeleza que o caracteriza e alí sementa con esperanza porque acredita na bondade do gran que ofrece.
Non se vexa nestas liñas un propósito haxiográfico. Eu, simplemente, tentei falar do home que coñezo e da percepción que del teño. Si, é o meu amigo; pero a verdade aínda o é máis, direi plaxiando a Aristóteles.