A Xesús Mato, loitador independente

Unha das tardes que Ánxel Fole me agasallou coa súa doce e falangueira compaña en Neira de Rei, entre tantos temas como saían a conto, entre un grolo de viño, unha copiña de coñac francés co café e o cigarro, espelido polas costas, tocoulle a vez a Xesús Mato.

- E ti que opinas do quefacer deste home?
- Amigo Ánxel, penso que é un home libre, loitador independente, que non o condiciona nin o poder civil nin o eclesiástico. Tomou unha decisión libre de servizo aos labregos da montaña, onde non só descubriu os valores humanos e cristiáns das persoas, senón que promoveu ao pobo ata lles facer descubrir os seus valores e tradicións: As 'polavilas' tradicionais cos seus cantos e bailes, as famosas regueifas, nas que aparece o xenio creativo e picaresco dun pobo cheo de valores ancestrais enterrados no trasacordo da memoria á que o crego aplicou a maiéutica sandadora duns valores esquecidos.

Logo de lle expresar a miña opinión como resposta á súa pregunta, como todo bo galego, retruqueille inquirindo a súa opinión acerca do mesmo amigo Mato.

-Ánxel, que con relación ao comportamento dalgún crego coñecido por ambos lle adxudicara o cualificativo de crego goliardo, ao referirse a Xesús Mato sorbeu outra pinga de coñac e respondeu:
-Si señor! Ese é un crego auténtico para o meu xeito de entender a vocación e a misión dun cura de pobo, onde ten que exercer de mestre, avogado e, nalgunhas ocasións, ata de médico e de veterinario.

Xermolo de boa semente.
Enxertado no seu pobo.
Sendeiro para o labrego.
Unxido desde o abrente.
Sacerdote para sempre.

Mestre, na prensa e no altar.
Autor de fermosos artigos.
Teimoso no seu cometido.
Onde teña que actuar.