Xesús Mato, irmán

Nesta grande montaxe teatral que é a vida, o cura Mato sempre enfrontou —e enfronta— todos os roles dramáticos que lle tocou representar, coa forza, eficacia e resistencia que cada situación lle esixiu. Xogou un papel determinante e deixou a súa pegada en proxectos que promoveron/promoven e impulsan a cultura, a igualdade e os dereitos dos homes e das mulleres, loitando por unha liberación colectiva, por unha sociedade en que poder vivir, profundando na conciencia galega, na posta en valor do noso.

É un cura, e ten claro que o seu é servir e non ser servido. El está cos pobres, emigrantes, desherdados, eivados; mais non está, dun xeito paternalista, senón axudándolles a tomar conciencia dos seus dereitos e a organizárense para reclamalos. Axudándolles a procurar as ferramentas coas que construír un futuro de liberdade e non dependencia. Servir, traballar e querer á xente son tres principios que el coñece ben e practica na súa vida de fraternidade e xustiza.

Galego sen complexos, perfectamente asentado no punto da terra ao que pertence, e cun claro compromiso coa cultura e coa lingua, coa tradición e coa música. Exercendo, en definitiva, sempre de galego.

Iso é ser verdadeiro amante de Galiza. Esa é a súa loita non violenta. Ser voz dos sen voz, acordar a súa melodía á deles para que se escoite.

Coñecedor e defensor dos principios de igualdade, liberdade e solidariedade que son os piares dunha democracia, concibida como o dereito de cada un dos homes, de cada unha das mulleres a se realizar plenamente. Porque a Mato non se lle esqueceron os principios do Vaticano ii como a boa parte das autoridades eclesiásticas que, arrimadas sempre ao máis forte, coidan que Deus non fala galego. E Deus tamén fala galego, como nos ensinara o bispo Miguel Anxo Araúxo de grata recordación. El si, como Xesús Mato, tiña presentes as ensinanzas do concilio que iniciara Xoán XXIII:

Á autoridade pública non lle compete determinar o carácter propio de cada cultura, senón fomentar as condicións e os medios para promover a vida cultural entre todos, mesmo dentro das minorías de cada nación [...]

Mato é coma un río de auga limpa. Así transcorre, sen se facer notar, mais apartando os atrancos que lle impiden o seu fluír harmónico. E, como río de montaña, bebendo nas limpas fontes, nos mananciais puros: O Evanxeo, a historia de noso, as voces perdidas dos antigos cantares, a palabra dos vellos, os soños dos novos, a ollada dos nenos…

Xa hai máis de 20 anos que a moitos de nós nos impresionou a historia daquel misioneiro español que se fixo indio para mellor se identificar e defender os dereitos do pobo enawene nawe. A Vicente Cañas matárono por defender a tribo coa que vivía e loitaba fronte aos terratenentes da Amazonía brasileira. Seica unha sinxela pedra sacada do leito do río marca o lugar onde está soterrado. Gravada nela, só unha palabra: Kiwxí, nome intraducible co que o chamaban os indios.

Mato, crego de cinco parroquias do concello de Pedrafita e unha do Caurel, fíxose montañés e cando —queira Deus que dentro de moitos anos— volva á casa do Pai, o epitafio que seguramente as xentes da Montaña pedirían para el é o de irmán. Non deixa de ser curioso no caso dun home ao que todos chaman «o Padre Mato». Coido que non lle gusta. El sábese fillo de Deus e, daquela, irmán de toda a humanidade. Aprendeuno no Pai Noso. Outros tamén esqueceron isto. Por iso, cando é preciso, berra: reclamo «imparcialidade» á cúpula da Igrexa católica española porque «debe ser signo da conciliación da paz e non da división».

Xesús Mato, irmán, que Deus llo pague a Deus por ti, pola túa alegría na entrega, por nos ensinar o rostro amábel de Deus, coido que o único verdadeiro. Os demais son máscaras, as das personalidades ásperas dos que nolo pintan así.