XESÚS MATO E OS CURAS COMPROMETIDOS CON GALIZA

Din uns versos populares:

“Preguiceiro do convento,
aprende a traballar,
que o pan do Kirieleisón
sempre non ha de durar”.

Pero, afortunadamente esta tónica clerical, demasiado real onte e aínda hoxe, non expresa a realidade de todo o clero. Como escribiu o historiador Francisco Carballo, aínda que gran parte do clero e relixiosos son conformistas e tradicionais, pechados á cultura actual e concretamente á galega, “dentro deste cadro sombrizo temos que afirmar a existencia dunha minoría cristiá cunha nova conciencia de servizo á sociedade, aos máis pobres, e con mentalidade progresiva, democrática” (“A Igrexa, un perfil preocupante”, Decenario A Nosa Terra, 1988). Isto foi o que quixen reflectir nun longo capítulo do meu libro Galegos e cristiáns (Vigo 1995), titulado “Un bispo, algúns curas, frades e monxas”(c.VII), falando destes curas comprometidos con Galiza e o pobo galego, que fan unha longa nómina, que non é ocioso apuntar, a pesar da brevidade do espazo:

Miguel-Anxo Araújo, o único bispo. Pioneiros como o xesuíta P. Seixas, o franciscano P. Isorna e o cóengo Manuel Espiña. Intelectuais como Torres Queiruga, Chao Rego, Xulio Andión, Xosé Alvilares, Marcial Gondar, Martinho Montero… Curas nas organizacións nacionalistas como Moncho Valcarce, X.A. Iglesias, Gumersindo Campaña; os paules F. Carballo e os irmáns Peleteiro... Curas no mundo obreiro como Benito Santos, Xaquín Campo, Antón Aneiros, Anxo Currás... Os curas de Irimia X.A. Miguélez, M. Regal, A. Blanco Torrado, Xosé M. Carballo, Ramón D. Raña e Bernardo G. Cendán. E unha longa nómina; algúns xa finaron, como X. M. Pampín, F. Lorenzo Mariño, A. Gandoi, Anxo González ou Nicanor Rielo; outros seguen na trincheira, como Miguel Fez. Grande, Evencio Domínguez, Xosé Xulio Rodríguez, Suso de Rao, Toño Basanta, Román Escourido, Manuel Pérez Blanco, Clodomiro Ogando, Leopoldo, Ramiro de Cervantes e… Xesús Mato.

De Xesús Mato escribía alí que era “un dos poucos curas xornalistas que escriben en galego, mentor de Fuxan os ventos [logo de A Quenlla] e doutras moitas realidades culturais na súa cidade de Lugo, ademais de atender con ilusión e agarimo unhas parroquias da montaña luguesa”.

Mato é un cura que escribe en galego e está comprometido non só coa lingua, senón co pobo galego ata o seu mesmo cerne. El sabe ben que un cura non é tanto un ministro do culto, senón un profeta e un curador dos males dos seus irmáns, porque iso mesmo foi Xesús de Nazaret.

Isto non foi en Mato algo pasaxeiro, porque é daqueles que Bertold Brech dixo que “loitan toda a vida”, por iso “son imprecindibles”. A súa voz profética segue tronando hoxe, coma onte.