Uns meses despois de que o republicano Rodolfo Llopis, director Xeral de “Primera Enseñanza”, dirixira a tódolos mestres de España unha circular prohibindo a propaganda relixiosa e ordenando a retirada dos crucifixos das escolas, o 29 de outubro de 1932, nace Xesús Mato Mato, no lugar de Cabo de Vila, na parroquia de San Martiño de Castro de Paradela (Lugo).
Primeiro na escola da aldea e despois como a maioría dos rapaces do rural que querían estudar, o neno Xesús Mato foi para o Seminario de Lugo e rematou os estudos sacerdotais en 1958. De Lugo a Lalín e de Lalín a Madrid, Mato foi polo mundo aprendendo, ensinando e traballando. A finais da década dos sesenta torna á casa, vai para Lugo, traballa como asesor relixioso, é redactor de Radio Popular (xa fora director en Lalín) e empuxa o arranque de interesantes iniciativas culturais, entre elas varios coros e grupos musicais.
Coñecín a este home de ben, en 1972, cando eu era alumno do bacharelato no instituto Masculino de Lugo e el o garda espiritual das mozas do feminino que paraban no Santísimo Sacramento, alá abaixo, preto do río. Aínda lembro a envexa que lle tiñamos a aquel mozo crego. En 1972, o musicólogo, o comunicador, o escritor e facedor de arranxos musicais participa na fundación do emblemático grupo Fuxan os Ventos, “cando a canción significa compartir lágrimas, alegrías, traballo, loita…”. Hoxe, Xesús Mato segue compartindo inquedanzas con homes que foron daquel grupo e que seguen na loita. Eu, aínda que sei que non fai falta, anímoo para que nunca perda a esperanza.
En 1983, Xesús Mato vaise para o alto, encargase, como crego, de varias parroquias da Montaña. Na actualidade atende cinco de Pedrafita do Cebreiro e unha de Caurel. Un mundo. Foise para a montaña e nela segue, de pastor, falando, conversando, enriquecendo aos paisanos e paisanas, repartindo saber, distribuíndo coñecemento. Facendo milagres. Pero agora “a ciencia non deixa espazo nin para milagres nin para Deus”, segundo o científico Stephen Hawking que estivo a comezos do inverno na Universidade de Santiago, e asegurou tamén que “o futuro da especie humana esta no espazo”, nin no Caurel, nin en Pedrafita ou Triacastela, nin en ningún lugar deste planeta.
Mato actúa como un mestre, como apreciado mestre da soidade das terras altas, dos montes nevados, das parroquias que se van despoboando. É como mestre, ensina cada día caladiñamente unha melodía para que todos os veciños actúen en coro, procurando ser un coro de cantar recio contra da inxustiza e contra das desigualdades. Neso estamos.