Compre recordar que o Mestre Gadamer –o máis lonxevo dos filósofos coñecidos: 102 anos- deixounos escrita unha forma / método para achegármonos a constructos ou textos de diferentes épocas. Neste bosquexo, agrádame moito aplicalo á lectura do relato (constructo) da vida dun amigo: X. Mato.
O proceso gadameriano explícanos que, para chegar a unha mínima comprensión de un relato –neste caso o relato dunha vida- é preciso que entre o texto e o lector se produza unha “aproximación de horizontes”. En principio, non debería ser difícil a nosa comprensión por proximidade cronolóxica, e pr escenarios vitais similares. Sen embargo, o polifacetismo da persoa e a intensidade das súas experiencias fan que apareza a diversidade entre os horizontes vitais, e as diferencias no contexto de cada quen.
Aínda a risco de non acertar axeitadamente, intentaremos deseñar un cadro –moi subxectivo- dos horizontes vitais desta persoa a quen hoxe homenaxeamos. As estructuras que “demarcan” a figura de D. Xesús poden ser vistas nunha cuádruple perspectiva:
a) Fe relixiosa e galeguista.
b) Compromiso activo con ámbalas dúas “fes”: cristiá e galeguista
c) Promoción cultural do popular.
d) Consciencia do valor da comunicación “amiga”.
Acercándonos a estes catro horizontes, atopamos a unha persoa –desde o meu punto de vista- cunha consciencia clara de que: ... eu non podo estimarme a min mesmo sen estimar aos outros coma a min mesmo. (Ricoeur, P., Soi- même comme un autre). Esta percepción vai ligada á laboría de promoción que ocupa o cerne da súa tarefa: axuda á promoción das comunidades concretas nas que ten servido e sirve ( ¡que sexa por moitos máis anos!)
O traballo no concreto non lle fixo esquecer o comunitario de Galicia como foi a súa proxección no traballo cultural e de promoción da cultura de fe cristiá e galeguista. Penso que o labor litúrxico constitúe o “acontecemento” que facilita o encontro con outras persoas que solicitan do seu amigo e pastor renovados aires de liberdade e de loita por un mundo máis xusto.
Esta tarefa desenvolvida en parroquias rurais, nunha sociedade que se fai cada día máis “urbanita”, require dunha ancoraxe ideolóxica que poña como primeiro e moi principal a confianza na persoa como suxeito receptor, e depositaria da dignidade máis sagrada. Por tanto, o pensamento dunha persoa que se entrega ó servicio desta causa humana e humanitaria require dun convencemento centrado entre dous extremos: o individualismo pechado e o colectivismo utópico.
Visto, pois, a súa vida desde estas coordenadas parece que o seu pensamento sae da esencial busca constante do encontro cos irmáns. Deste xeito a comunicación non é un simple diálogo no que se “toma conciencia” do que lle ocorre (do que lle pasa) aos demais; senón que é convivencia activa nos “entornos” nos que lle toca “vivir e exercer” o seu “ministerio” coa finalidade de axudar a construír un mellor ambiente social e tamén de vivencia relixiosa.
Despois deste breve deseño dos horizontes de Xesús Mato compre responder a dúas preguntas ¿Cal pode ser o pensamento que o sustenta? ¿Cal o proceso de elaboración?
Na resposta á primeira pregunta, considero que latexa de fondo un pensamento: personalista comunitario. A persoa, que o centro de todo interese, non se reduce a mera corporalidade material, económica ou con alcance soamente consumidor, senón que demanda unha atención á espiritualidade afectiva, e á intelixencia do transcendente. A formación desa persoa integral precisa do contacto coa súa comunidade na familia e na parroquia; é dicir, necesita ser persoa integrada na sociedade a través da súa cultura, no noso caso, na vivencia da cultura galega.
En canto ao segundo interrogante, considero que o proceso de acercamento aos irmás e á comunidade semella ser o que Max Scheler, dentro da tradición agustiniana, chamou un ordo amoris (Vide. Max Séller (2003) ordo amoris. En Gramática de los sentimientos. Ed. Crítica, Barcelona, páx. 65 . Segundo esta orde toda vivencia é convivencia. Para convivir é precisa a común unión nunha xerarquía de valores, lógrase tal comuñón por acercamento “aos próximos” coa simpatía que dá a vida na comunidade e que se perfeccióna no amor que é a disposición afectiva a “encontrármonos” coas outras persoas para xuntos convivir no mutuo acercamento.