Xesús Mato: 75 anos de vida, 50 de crego e 25 de exercizo na montaña lucense

É unha inmensa satisfacción para a familia do escritor Manuel Rodríguez López poder participar nun libro na honra do amigo Xesús Mato. Xa hai dezaoito anos que o corpo de Manuel Rodríguez López nos deixou, pero a súa alma segue a guiarnos e pídenos, a través do amigo Xulio Xiz, poñer unhas verbas neste libro de homenaxe ó amigo Mato. Neste crego, musicólogo e escritor paradelense abondan virtudes que xustifican, e fan necesario, o seu recoñecemento público. De todos é coñecido que Xesús Mato ten unha grande sensibilidade humana e vocación de servicio ós demais. Cincuenta anos de servizo sacerdotal acreditan a súa adicación á sociedade. Pero Mato non só se cingue ás súas obligacións como crego. É un incansable loitador que traballa eficazmente día tras día para que fuxan os ventos da inxustiza e para auxiliarnos a atopar o camiño da esperanza; tamén para fortalecer o espírito humano e para potenciar a cultura en tódalas súas facetas. E faino eficazmente utilizando tódolos medios ó seu alcance: comunicación oral, escrita e audiovisual. Destaca no seu labor a súa gran capacidade como organizador, que se traduce nunha exitosa xestión de numerosas iniciativas das que foi fundador e/ou director, incluindo emisoras de radio, agrupacións musicais e Auxilia – Lugo entre outros. As súas virtudes e as súas obras poñen a Xesús Mato nun lugar destacado do mundo da cultura galega.

Quixeramos destacar tamén unha faceta de Xesús Mato que incide directamente na nosa familia. Xesús Mato e Manuel Rodríguez López teñen moitas cousas en común. Como di Mato no prólogo da segunda Edición do Certame de Paradela que leva o nome de Manuel Rodríguez López, os dous son amigos e conveciños que se coñeceron aló polos anos cincuenta. Os dous teñen unha formación humanística e os dous son Fillos Predilectos de Paradela. Dende hai xa uns anos, Xesús Mato está a contribuir decidida e decisivamente ó engrandecemento da figura de Manuel Rodríguez López e a fomentar a pervivencia da súa obra a través do tempo, feitos que a familia do poeta de Paradela quere agradecer publicamente ó Fillo Predilecto de Paradela. E faino con actos dos que queda constancia para as futuras xeneracións. Destaca ó seu importante papel no Certame Literario “Manuel Oreste Rodríguez López”. E tamén as súas xestións para publicar obra inédita e adicada ó noso escritor como “Vida e Obra de Manuel Rodríguez López” e “Poesía Completa de Manuel Rodríguez López”.

Este libro queda xa como referente da vida de Xesús Mato ata os 75 anos. Para o futuro é perfectamente aplicable a Mato o que di Manuel Rodríguez López no seu libro Saudade no Bulleiro:

Por hoxe déixote,
pro non coides, Xaniño,
que xa ten rematado o meu cantar...