Cumpre don Xesús Mato setenta e cinco anos, cincuenta de sacerdote e unha vintena longa á fronte de case media ducia de parroquias da montaña; que eu saiba ten ó seu cargo as freguesías de San Xoán de Hospital, San Xoán de Padornelo, San Xoán de Fonfría e San Xoán de Louzarela, ademais de oficiar en domingos alternos nas capelas do Temple e Teixeira e doutras cando é o día do patrón ou da advocación dunha determinada ermida co seu lugar. É don Xesús Mato toda unha institución na montaña lucense, toda a serra do Cebreiro, á que coñece coma os dedos da man, á que tanto ama e quere; iso conxuntamente coas súas xentes, que son os seus queridos fregueses, ós que tantas horas lles dedicou e dedica; atendendo os oficios relixiosos, formando na catequeses ós poucos mozos que por desgraza hai na maior parte desas aldeas. Creo que don Xesús é unha desas persoas incapaces de dicir non, aínda sabendo que o que está facendo ou lle están pedindo, non é o mellor ou o máis correcto. É dicir, a Deus rogando e co mazo dando ou levando á súa máxima expresión a non menos famosa frase de ora et labora. Levo moitos anos de amizade con este entrañable amigo, ó que coñecín o día 16 de agosto de 1987, aquel día foi o oficiante no matrimonio dos meus primos Luis López López e Delia Méndez Saavedra; foi na igrexa lucense de San Francisco Javier; era unha voda sinxela pero entrañable, de nulo boato e ningún tipo de alarde, onde o Padre Mato, durante a celebración eucarística tivo unhas breves palabras na homilía, nas que deixaba moi claro o que para el e para a maioría que estabamos alí significaba a palabra matrimonio. Logo, durante o banquete, tocoume en sorte estar sentado ó seu lado e aproveitei para comentarlle o meu interese por coñecer un pouco mellor os templos, capelas, retablos e imaxes, das igrexas e ermidas baixo a súa xurisdición; non rematara de facer a petición para que a mesma fora afirmativamente contestada. Iso levoume a acompañalo varios domingos, onde fixen algo de acólito e tamén de ocasional fotógrafo, o que posteriormente deu lugar a un dos meus primeiros libros. Pero o máis importante e a mellor experiencia, foi ver como Xesús Mato, sempre estaba e está disposto a botar unha man ó paisano que lle pide un consello ou incluso dunha forma moi diplomática evitar un malentendido entre veciños, tratar de arranxar estes asuntos desarranxados que tanto abundan no campo lucense. Aínda que iso lle trouxera máis dunha dor de cabeza e a pouca sen razón dunha familia prexudique a todo un pobo, ou polo menos non sexa demasiado ético ese muro da vergoña, que bos crebacabezas lle deu cos veciños de Fonfría do Camiño.
O Padre Mato soubo e sabe rescatar as vellas tradicións e costumes da montaña luguesa; as coplas populares que se cantaban nos carretos, as mallas e as matanzas da ceba; o revivir os carnavais como o facían antano, cantando os reixeiros de porta en porta e pedindo unha pequena esmola, que ben pode ser en produtos do campo ou unhas cantas moedas para tomar uns tintos na taberna da seguinte aldea. É dicir, ser un mestre na recuperación do patrimonio inmaterial; volver revivir os vellos costumes e procurar que moitas destas tradicións non se perdan, levando os mellores reixeiros a cantar as coplas de reis á tvg e tamén a outros medios de comunicación.
En definitiva, ó meu modo de ver, Jesús Mato é un exemplar sacerdote, un gran comunicador, un gran investigador, e sobre todo unha gran persoa, desas, que por desgraza non abundan. Estou convencido de que a montaña lucense, no que se refire á súa promoción e demais manifestacións xa citadas non sería a mesma, se as veciñas e veciños dos pobos de Hospital da Condesa, Louzarela, Valdefariña, Pallarvello, Sabugos, Padornelo, Busnullán, O Lago, A Mata, Modreiro, A Porfía, O Temple, Teixeira, Vilanova, Vilasol e Vilaverde, non tivesen por crego a don Xesús Mato. Creo que estarían un pouco orfos. Desexo a este gran amigo moitos máis anos de frutífera vida, deixando o seu sinal persoal como o ven facendo desde hai bastante máis de medio século.