A XESÚS MATO

Benquerido amigo e conveciño: Naciches nunha humilde aldea (Cabo de Vila) da parroquia de San Martiño de Castro (Paradela), que aínda era aló polo ano 1753 terra de señorío, denominada “Coto de Trasloio”, pertencente a Don Juan Alonso de Losada, que cobraba substanciosas rendas por tal concepto. Outro Losada, D. Francisco Javier, máis coñecido como señor de Pol, foi xeneral dos exércitos defensores da integridade nacional na Guerra da Independencia.

Ti, amigo Xesús, tamén es o señor de Loio, de San Martiño, de Paradela e doutras moitas terras. O teu é un señorío sen rendas nin servos, pero máis universal. Lévalo contigo polo mundo adiante onde queira que vaias, e ninguén cho pode quitar, porque é íntimo, persoal, auténtico, conquistado por ti dende abaixo.

Desde aquel fermoso lugar de nacemento que forma parte das ribeiras dos ríos Miño e Loio, percibiches no máis íntimo do teu ser a primeira sensación das rutilantes e grandiosas postas de sol; e nos periplos infantís polo Serrano, Seoane, Outeiro de Loio, en dirección a Portomarín, seguindo a estrada vella, fuches tomando conciencia da existencia dun mundo máis amplo: os remansos de paz que proporcionaban as augas do río Loio no seu derradeiro discorrer para xuntarse co seu pai Miño, os camiños, os muíños, os agros de Outeiro de Loio, as viñas, as pesqueiras de anguías (caneiros), as ruínas da ponte romana, a ponte nova de Portomarín, xunto coa súa fermosa vila, a famosa igrexa románica, os comercios, as estreitas rúas e “vielas”, as veigas da marxe dereita do Miño, etc. Todo iso tivo que impactar consciente ou inconscientemente na mente daquel neno de Cabo de Vila que estaba dando os seus primeiros pasos cara ó mundo cultural.

Nin os señores de Loio (1753) nin o Sr. Berbetoros, cura de gran liñaxe e boas rendas, con todo o seu gran poderío, tiveron a sensibilidade cultural que os movera a crear unha escola de primeiras letras para os fillos dos seus servos-labradores. Ós mandatarios non parecía interesarlles sacar ó pobo da súa ignorancia. Eu ben sei, amigo Xesús, que o teu “señorío” de conciencia non che permitiría hoxe ter a un só neno humilde sen escola, porque amas a cultura coma un gran ben para todos e porque aborreces as inxustizas.

Admiro ás xentes da túa aldea e de toda a parroquia, xa que, polo menos, como di Madoz, dende o ano 1846, “en Castro San Martín hai escola de primeira educación á que asisten 30 nenos, e a dotación do mestre consiste nunha pequena retribución en graos que aportan os pais dos alumnos”. As persoas máis humildes, dan xa sinal de que desexaban saír do calvario da ignorancia no que os tiñan os seus señores.

Seguindo aquela loable tradición cultural, os teus veciños e parroquianos construíron, antes do ano 1924, coa súa propia sabedoría e sacrificio persoal, un local que terminaría sendo a primeira escola pública de padroado con mestra titular dentro do concello, en 1934.

Amigo Xesús, coido que esa foi a túa primeira “universidade”. Nela adquiriches e asimilaches os primeiros rudimentos de lectura, escritura, cálculo, relixión e incipientes coñecementos de xeografía e historia que son, grosso modo, os pasos que os homes e a humanidade seguiron para chegar a conquistar a ciencia e a cultura.

Ingresaches no Seminario diocesano de Lugo, onde se reafirmou a túa vocación sacerdotal, ó tempo que recibías unha apropiada formación humanista. Non obstante, esa inmersión espiritual non conseguiu encadrarte xa que es unha persoa creativa, con ideas propias. O teu ministerio sacerdotal réxese polos principios da moral positiva que son a atención e defensa dos máis necesitados, dos que sofren e teñen sede de xustiza.

Outra das túas grandes virtudes é a excelente formación humanista que te adorna e que non se encerra en ti, senón que a pos desinteresadamente ó servizo dos demais, abríndote ó mundo da comunicación a través da radio e da prensa. Afondaches tamén – e séguelo a facer – nas raíces da nosa tradición musical, o que te acredita coma un gran musicólogo.

Nunca esqueciches a terra que te viu nacer nin as súas xentes. Por iso traballaches arreo por dar a coñecer e divulgar os valores naturais e culturais do noso concello, sobre todo, os que se refiren ó Camiño de Santiago ó seu paso por terras de Paradela.

E por aquilo de que “é de ben nacidos ser agradecidos”, mais aínda que como di o adaxio popular “ninguén é profeta na súa terra”, o Concello pleno co seu Alcalde José M. Mato Díaz ó fronte, concedeuche o merecido galardón de Fillo Predilecto de Paradela.

Este é a miña humilde alegación sobre a personalidade do bo amigo Xesús Mato.