Escribir algo sobre Don Xesús resúltame moi familiar e á vez moi complexo.Tocoume vivir moitos anos baixo o mesmo teito co noso benquerido Mato, primeiro como alumna do Colexio Santísimo Sacramento, onde el foi director espiritual, e agora como relixiosa na Casa Diocesana onde vivimos na actualidade.
Lembro perfectamente cando eu era unha nena a chegada ao colexio de D. Xesús, un home con gran vitalidade, tiña daquela tan só 35 anos, e como gran amante e coñecedor da música ao pouco tempo de chegar impulsou a creación do coro, que logo sería intercolexial e de aí naceu tamén a representación nadaleira “GALICIA CANTA Ó NENO”. Que fermosos festivais se impulsaron baixo a súa batuta e que sementeira de evanxelización ao longo destes anos a través de: charlas, encontros, música, teatro, Eucaristías, encontros coas antigas alumnas por zonas... Desta sementeira foron parte moi importante tamén o noso Paquiño e D. Xosé Vázquez e aínda hoxe cando nos atopamos as exalumnas lembramos os gratos recordos do “SANTÍSIMO” e neles sempre está presente D. Xesús.
Ademais da parte espiritual sempre estivo moi involucrado cos máis desfavorecidos, ao seu abeiro a través de AUXILIA atoparon acubillo moitos discapacitados.
Mato foi e é un gran servidor. Sempre que son necesarios os seus servizos está á disposición de todos.
Cóntanme as miñas irmás de comunidade que aló polo ano 1968, cando elas chegaron a Lugo, foi buscalas á estación e servíalles de guía e orientación en todo momento. Viñan para facerse cargo da Casa Diocesana: Mª Dolores de Miguel, Maximina Lecumberri e Josefina Barbería. Naquel momento tróuxoas ao colexio Santísimo Sacramento, onde había outra comunidade das “Fillas da Parroquia”, pois a Casa Diocesana estaba aínda en obras. Elas foron testemuña daquela, e sono aínda agora, da dispoñibilidade de D. Xesús, pois é sempre o servizo unha constante na súa vida. Nunha ocasión visitou a Maxi que estaba con moita febre e díxolle: “Como podes ter tanta febre, sendo tan fraquiña”, el mesmo foille buscar a botica que precisaba. Noutra ocasión, cando houbo o primeiro cursiño de cristiandade, Josefina tivo unha caída que lle provocou unha trombose e, unha vez máis, alí estaba Mato para levala ata o doutor Nogueira. D. Xesús é sempre moi familiar alí por onde pasa e coa irmá Mª Dolores de Miguel saudábanse e saúdanse con este simpático saúdo “NOS IMOS POR LIBRE”.
Os primeiros tempos na Casa Diocesana eran moi familiares para todos os que aquí vivían: D. Xesús, D. Xosé Vázquez, D. Eduardo López, D. Francisco coa súa nai, sempre tan piadosa, as irmás da comunidade, David, Raquel e Celedonia. A familia da Casa Diocesana foi medrando coa presenza de moitos cregos anciáns, doutras irmás e persoal de servizo que xa non están entre nós. Os recordos de Mato nesta casa ao longo destes 40 anos é imposible reflectilos, pero diría que sempre o atopamos dispoñible para calquera necesidade que xurda.
As casualidades da vida fixeron que ao ano seguinte de estar eu na escola de Teixeira do Caurel fose el para as parroquias da montaña lucense. Dende alí e ao longo destes 25 anos seguiu impulsando a evanxelización entre esa xente, que desde o primeiro momento viron en Mato: ao crego, ao amigo, ao servidor.
Teresa Rodríguez Pol