Estas montañas silenciosas son testemuñas mudas do labor das persoas.
Hai ríos de vida que,
aínda que nacen nos máis altos montes,
baixan calados e silenciosos
pola canle da súa innata modestia,
pero non poden evitar que sexan moi valorados
porque todos sabemos que a auga doce e espiritual é a salvación do mundo.
Xesús Mato: Caudal grandioso , transparente e puro
corrente cultural que no seu descorrer abre camiños e vieiros por estes montes,
non soamente es un regador que vai deixando os predios empapados cos sentimentos,
es outro singular labrego que rotura e roza,
dende fai moitas décadas, a terríbel silva da incultura;
outro pastor que coida de orientar o rabaño de Deus.
Un filósofo?
Un sabio?
Todo,
resumido en persoa de ben.
Un ser exemplar entregado a Galicia,
preocupado por ser adminículo cultural,
soporte seguro dos que necesiten axuda.
Dinámico, activo e de palabra acendida
porque a súa verba é luz
que ilumina e iluminará
a esta comunidade dende o mellor fanal ,
as terras de o Caurel e Ancares.
Xesús Mato,
un referente vivo ,
dinamizador e rescatador dos valores culturais
amigo da reflexión que invita a facer parada,
a gozar das riquezas inmateriais que están preto de nós,
pero sen deixar de facer camiño.
Edificador de proxectos
que non son construídos con pedra nin cemento
e si con vontade sólida e ilusións portentosas.
Sincronizador, harmonizador, equilibrador,
fiel da balanza cultural;
loitando na paz por un mundo mellor.
Nas almeas destas torres orográficas
resoan as badaladas das capelas e igrexas
que invitan a escoitar a palabra dun AMIGO,
o consello envolto polo exemplo
do crego que imparte e reparte
o pan da cultura,
ese alimento tan necesario para vivir en liberdade
vendo voar a pomba da paz.