Cando Xulio Giz me propuxo participar neste merecido recoñecemento a Xesús Mato lembreime, non sabería dicir entón o porqué, de algo que lera en El ente dilucidado. Discurso único, novísimo que muestra hay en la naturaleza animales irracionales invisibles y cuales sean, obra principal de Frei Antonio de Fuentelapeña, un frade capuchino zamorano do século XVII. O libro é un ensaio curioso no que cunha alta dose de inxenuidade se tenta a comprensión desde o racionalismo do universo encantado, máxico ou sobrenatural, estúdase a natureza dos monstros e en cambio próbase, ou preténdese, a existencia real de duendes, trasnos, trasgos e pantasmas.
O sucedido ao que me refiro, contado polo frade Fuentelapeña, di que na catedral de Lugo cando se tocaba a campá que servía para chamar aos coengos movíase, ao mesmo tempo e compás, a imaxe e a cruz dun crucifixo de madeira que había pendurado sobre o enreixado do presbiterio. Fuentelapeña desmitifica o sucedido e explica o fenómeno como algo natural e consonte ás leis da física, pono en relación coa elipse, cos puntos de reflexión, co aire repercuso e con outros fenómenos, en apariencia sobrenaturais, pero que segundo el dependen da figura da peza e da sala, e da situación dos obxectos. Comenta este mesmo asunto Fr. Benito Feijóo na segunda das Cartas eruditas y curiosas, para chegar a unha conclusión parecida: ou sexa, que a causa da reacción do crucifixo polo toque da campá é natural, sen misterio nin intervención de espírito ningún.
Xesús Mato foi e sigue sendo, todos o que lle queremos desexamos que por moito tempo, coma esa campá da catedral de Lugo, un home que nos chama para humanizar o sobrenatural, para racionalizar o que aparenta transcendente. Cando fala Xesús Mato quen o escoita entende que a súa mensaxe non está manipulada pola comenencia ou o interese de dependencias xerárquicas senón pola convicción e polo amor á terra e á xente. Exerce, predica, práctica, milita na coherencia, un valor tan estraño nestes tempos. Velaí o prodixio, o milagre se queredes, a reacción que provoca o traballo dun home que non precisa de interferencias nin de misterios; na patria dos humildes, todo é sublime.
Outro asunto ben distinto sería, un auténtico prodixio máis ben, que ao chamado do padre Mato respondesen precisamente os coengos da igrexa oficial. Mais, coma el, non perdamos a esperanza.