Cando os amigos, que eu diría que deben ser as xentes todas de case todos os lugares, aludimos nas nosas conversas a Xesús Mato nunca falamos de don Xesús, nin do señor abade, nin do crego que consagra as corgas cebreiriñas, nin tan sequera lle chamamos Suso... Dicimos o Cura Mato e ninguén nunca cuestiona ese modo de nos referir a el porque ben sabemos que o substantivo que aquí especifica é parte dun todo non divisible. É o natural, como o natural é dicir o mago Merlín, o rei Arturo, a princesa Micomicona, o mestre Mateo...
E hoxe, porque anda xa nos primeiros setenta e cinco anos, toca festexar ao Cura Mato, sabendo que de camiño festexamos tamén un exemplo vivo de entrega aos seus semellantes, de responsabilidade ética, de consideración a canto é do común, de respecto e admiración no uso e tratamento da Cultura -sen nunca lla arrebatar ao pobo que sempre deberá ser o seu dono lexítimo-, de sinxeleza na repartición de amparos, de sorrisos de alento, de compañeirismo entrañable e de boas intencións...
Parabéns, xa que logo, para o Cura Mato, parabéns para a Galicia que o naceu e fixo medrar, parabéns á Igrexa que o pode ter de crego e parabéns, así mesmo, para cantos, dun xeito ou doutro, somos receptores da súa bonhomía e da súa amizade.
Grazas, amigo, por canto levas feito, polo que estás a facer e tamén polo moito que aínda farás.
Ben sabes onde nos tes.