Souben de Xesús Mato cando eu cativo traballaba en Terras do Deza polos anos 1964... Era o compañeiro dun crego falecido nun accidente de tráfico na estrada de Salamanca a Béjar. A medida que no meu periplo funcionarial me fun achegando á Terra tiven a ocasión de ter encontros nos que el era partícipe. Deume iso pé para ver a través dos seus feitos de que persoa se trataba: un home sempre en acción. Por inevitable viaxe da miña mente aos referentes clericais, aseméllaseme ao cardeal Tarancón: sempre bulindo, áxil, infatigable, permanentemente proxectando cousas e abordando todo tipo de xente: fregueses ou non, da montaña ou da ribeira, cativos, mozos e sobre todo os "vellos", os seus tan mentados e queridos vellos. Sei que todo o que sexa encadrar, clasificar, definir, glosar, trazar unha descrición, dalgún xeito é empobrecer, e en todo caso, parcializar a figura dunha persoa, máxime tratándose dun home tan multiplicado e polifacético. Aínda así e sabendo que só unha cinta de cinema, que estivese atenta a todas as facetas e recollese todos os ángulos, faría honra á verdade completa, vou resaltar o que para min identifica a Xesús Mato dun modo único e ao mesmo tempo distíngueo de todos os demais cregos. Para el nada do que lle afecta aos humanos lle resulta alleo. O seu modo de enfocar o valente apostolado que sempre desenvolveu e, por dicilo dalgún xeito, prerrelixioso; é dicir, primeiro están os seres humanos e logo os posibles destinatarios da mensaxe evanxélica. Nese sentido el viviu fusionado co pobo, participando en todos os avatares, empresas e percorridos dos fregueses, de modo que cando van a misa os domingos a grande misa da vida xa estaba feita, celebrada nas corredoiras, nas tarefas agrícolas, nas xuntanzas, nas audiencias que a todos sempre lles brindou para escoitar as arelas ou problemas dos veciños e canalizar a súa posta en marcha ou resolución.
Outra das súas cualificacións foi a dedicación exclusiva aos seus parroquianos, que foron e son moitos. Xesús é como un vixía permanente que tivo as portas da súa morada sempre abertas e as facultades da súa alma ao servizo dos seus. Cabe sinalar que os seus son todos os que reclaman a súa atención.
Xesús é e será un gran crego, un bo home, un atinado pensador, un filólogo fundamentado, un músico afinado, un galego "galego" un cura "secular", un renacentista dos séculos XX e XXI, unha persoa singular e irrepetible, un discreto "revolucionario".
Unha aperta , Xesús
Dun veciño do Cebreiro