Pasa xa dos trinta anos da publicación do meu primeiro libro de poemas prologado polo escritor e xornalista Ricardo Couto que naquel tempo traballaba en El Progreso e na emisora Radio Popular. E conto isto porque penso que por Ricardo coñecín a Xesús Mato. A partir de aí comeza a miña amizade con el, aínda que uns meses despois marcho a estudar a Compostela onde vivín ata 1980.
Polo tanto, amizade que se inicia na poesía e que segue na amizade. Esta é a orixe da miña admiración e seguimento de todo o seu dilatado labor en cantos ámbitos de traballo andou e aínda anda.
Acontecían as idades corais do sementar sementarei de Álvarez Pousa. E o padre Mato xa era daquela teimoso sementador das vizosas cousas que invoca ese poema.
Agora, tanto tempo despois, o tanto corazón del persiste en todo o que sexa estear o áxil sacrificio dos humildes. E segue afortalando verdades que son referencias cernais da súa vida, afortalando alentos, para atenuar a ira de destinos atrapados no interior das frecuentes desditas da existencia.
E tanto corazón de galeguidade. E tanto de música. Tamén de letras. Pero evita as miradas demasiado solemnes porque deixou entrar, hai moito, a valentía no seu corazón.
En todo canto se empeñou e se empeña descubrimos causas duras que che tocan ata doer, pero nunca causas derrotadas (un nunca que funda a realidade e a dor dos equilibrios -o equilibrio-) e percibimos o xurdimento das esperanzas súas preferentes que tratan de recuperar territorios con climas de xustiza -pequenos paraísos- que se asemellen aos existentes acaso unicamente nalgún ceo. Primeiro de loairas, logo de luzadas, despois de claridade.
Para min toda a vida de Xesús Mato é dunha exemplar intención de entrega tantas veces salvadora. Unha intención vigorosa nas mans arrufadas dun certo corazón amigo: Ese que non é outro que o seu corazón totalmente desbordado, totalmente.