QUE XESÚS MATO ENTROU NA NOSA VIDA PARA NON VOLVER SAÍR

“Para Don Ramón Otero Pedrayo, as aldeas son os derradeiros gardiáns do ser galego…”

Nestes primeiros días de xullo do mes patrio recibín un “ emilio” e nel comunicábanme: “… Xesús Mato cumpre 75 anos de vida, 50 de Crego e 25 de exercicio na montaña lucense…” (así mo mandou Xulio Xiz, el sempre en todo e máis, a pedido dunha colaboración por tal motivo para este libro e velaí que me poño ben gustoso á encomenda).

Eu cheguei a Mato por medio de Alfonso Torrado, de Mini e Mero, por Xermolos e pola Fundación Manuel María da Terra Chá (arestora xa co chamo de Irmandade Manuel María), polo Muíño do Rañego e tamén, moi importante, polos Premios “Moncho Valcárcel” en Culleredo. Canto me gustou saber del e sobre todo seguilo no exemplo do seu facer, pois hai homes que promoven o gardar activado na dignidade da nosa esencia de identidade. Conmoven e moven e un deses homes desde o seu labor cotián, desde a fe, é Xesús Mato. Que hai que velo (obras son amores) como albisca (intúe) o devir das esencias do noso pobo (o do galego), da súa cultura, das súas tradicións, pois Mato é home de aldea cos pés postos nese chan, a pensamento e sentimento de Galiza desde a meda, o couto, a pena, o penedo, coas mans acariñando a pedra libre e montesía traballada polos andares mornos do sol, polo facer sen pausa das augas e polo rumbar bravo dos ventos ou polos rumorosos doces  dos aires xenerosos. Desde a montaña el faise coa luz precisa para o seu vivir teimoso na busca de horizontes de mellor ser e estar comunitario.Velaí pois direi que é un rebelde inconformista nada resignado e resistente. Cristián - ao meu ver- pastor en exemplaridade da igrexa comunal e liberadora de Xesús Cristo. Irmán galego.

E velo aí acollendo a experiencia de setenta e cinco anos de vivencias intensas, nobres, a pé de música e de letra sen renuncias, pero sobre todo e moi especialmente sabendo el moi ben o que facer con esa experiencia e máis que virá sen dúbida para fornecer na dignade ao próximo (ao que vai con el, NÓS) no ben da fe, no enorme do anaco de felicidade compartida e na compaña, palabras súas, e na plenitude do Deus dos sinxelos e

Mato, que bo nome o del, acaído, Xesús, pastor noso no Cebreiro, sabe con sabor do acedo da vida ingrata, dura, triste as máis das veces e miserenta, das nosas mulleres e dos nosos homes do rural, labregos traballadores de sol a sol e así do comunal atraso do noso campo concretado no xeral andar a paso feble das aldeas e en especial neste caso as da montaña luguesa. Pero Mato, tamén con sabor, sabe ir na esperanza (e non precisamente na do que agarda, espera) e nela militante dedícase con vocación (e non de boca) para liberar aos seus comunalmente de veciñanza e igrexa (así a todos) da resignación, do conformismo, da de ser rendidos sen máis alentos. Mato coñece ben (e así o aplica sen calotes) a maneira plural de sermos na igualdade e nesta terra. Respecta ao pequeno, vai con el, para axuda de que se sinta fondamente o orgullo da humildade de ser (e descubrirse estando).

Direi unha vez máis en palabras de Don Ramón Otero Pedrayo que tamén resoan a ecos de beleza por Terras do Deza e por Tabeirós e que penso que lle acaen xusto a Xesús Mato:

“El, como Pondal, sente o bico da Terra, o leve roce da neboeira, o valor substancial das orballeiras e das brétemas”

E así Xesús Mato segue a solidario andar en proxecto de Galiza con traxecto e así labora desde cada romper dos días nosos aos solpores e ás noites, asemade nos soños espertos, para que a xustiza e a liberdade sexan para o noso pobo (o do galego) feitos que fagan xurdir un inmedible clamor de afirmación determinada en toda a nosa Terra.

A Estrada de Tabeirós, xullo 2008.