Dentro da provincia de Lugo hai como mínimo entre parroquias e anexos unhas cinco co topónimo de Mato. Son estas as de O Salvador e San Esteban de Mato, en Sarria; tamén San Esteban, en Pantón; San Xián, en Chantada, e San Martiño, en Taboada. En total hai uns dezanove núcleos de poboación con nome de Mato. Onde máis abundan é en Pantón (hai seis con este nome); en Monforte, catro, e os demais espállanse por Carballedo, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Conturiz, Palas de Rei, Sarria, O Saviñao e Páramo. Polo que se pode apreciar hai 'mato' por todo o territorio lugués, menos pola Mariña. Mato en portugués significa selva.
Tampouco hai núcleos de poboación co nome de Mato en Paradela. Sen embargo, un dos alcaldes da provincia de Lugo con máis tempo presidindo a corporación, o de Paradela (desde 1973), ten como primeiro apelido Mato (Xosé Manuel Mato Díaz). Tamén un dos seus fillos predilectos (é desde o 26 de xuño de 2005) é Mato por partida dobre, Mato Mato (Xesús), natural de Cabodevila, que empezaría a súa vida sacerdotal en terras de Lalín.
Este último, Xesús Mato Mato (que aínda en Lugo se identifica como o Padre Mato) é un cura que recentemente celebrou as vodas de ouro sacerdotais. É por tanto un cura que se pode chamar “dos maduritos”. Ten unha traxectoria moi intensa que eu non vou relatar, porque seguro que nesta publicación aparecerán traballos ben feitos que formarán o gran perfil de Xesús Mato, que tamén foi crego. Tradicionalmente, en Galicia chamábase crego ó cura que non tiña parroquia física. Efectivamente, nunha longa etapa, Xesús Mato non tiña parroquia por estar vinculado ós medios de comunicación social da diocese de Lugo. Por suposto, aínda non chegara á cadea da Conferencia Episcopal Jiménez Losantos.
Pouco a pouco foi situando o galego nun idioma único na súa comunicación. Foi dos primeiros en utilizalo como lingua normal (non excepcional, como segue a ocorrer hoxe) nos actos litúrxicos, tanto na zoa rural como na urbana. E estou seguro que ninguén deixou de ir á misa por no dicila o cura en castelán.
E todo isto, dentro do compromiso que mantén con este país que chamamos Galicia e, por suposto, moito antes de que se recuperase o seu Estatuto de Autonomía. Porque para Mato Galicia estaba na misa (ata seguro que nos seus rezos), nos seus cantos, nos seus rasgos de xenerosidade, nos seus compromisos sociais (foi presidente de “Auxilia”, organización para axudar ás persoas con problemas físicos) e en moito máis.
E dicimos que estaba, porque a súa etapa de 'urbanita' non se pode interpretar sen a súa proxección costumista. De aí que non estrañou a ninguén, que cando tivo a oportunidade se fora para A Montaña. Nesto, a Mato sucedeulle o contrario da maioría. Conta con satisfacción as súas vivencias cos seus parroquianos situados o pé do Camiño de Santiago.
A realidade é que Mato, tanto antes como agora, non pasará a historia como un cura clásico. ¿Inconformista? Pode que sí, pero sen pasarse. ¿Comprometido? Por suposto. ¿Reflexivo? Moito, aínda que non o pareza habitualmente. E ademais é un cura que escribe (á maioría gústalles máis falar improvisando e teñen dificultades para poñer o punto e final nas súas intervencións públicas) e ata parece que di (aínda sen dicilo) que desde a Montaña o ceo está máis preto.
E como colofón, parece unha obriga pedirlle perdón a Xesús Mato por algunhas cousas que dixen del. Estou seguro, que coa súa retranca, rirase un pouco, porque non é dos que fai méritos para recibir culto á personalidade, porque ata intentou facer como algo propio o proverbio de que 'unha cousa é espallar e outra dar trigo'.
Que ninguén dubide de que Mato é Mato, e nada máis.