Nesta pequena descrición vou intentar expresar a miña experiencia persoal coa persoa Xesús Mato e por derivación a experimentación que do cristianismo sinto a través súa. Eu creo que Mato é un verdadeiro cristián, dunha determinada raza, dun cristián como nos gustaría ser aos que non o somos, polo menos nominalmente. Cristiáns desa caste que aspiran a ser como Cristo, un Cristo ao que ven como unha persoa na que se intúe a condición humana en toda plenitude, en todo o que entendemos como excelencia humana, unha persoa completa sen deixar de ser persoa común. Que non por iso é máis persoa, senón que acada a conciencia de estar «cangando coa condición de ser persoa».
Por exemplo, para clarexar algo a cuestión. Véxome con Mato: «—Ola Juanjo». «—Que tal Mato?». Inmediatamente de vernos xa estamos conxeniando. E iso que resulta que neste caso non estou de acordo co que me está contando. Pero o posible desacordo remata nunha especie de compracencia co seu enfoque da cuestión. Non é que eu estea sintonizando coa súa idea, é que acabo sintonizando con el. É que ten a virtude de presentarse ante min como persoa ante todo.
A sintonía con Mato consiste en percibir que diante miña existe unha criatura coma min, como podo ser eu, con ideas ou actitudes non coincidentes comigo pero que as percibo como propias da nosa común condición, condición asumida en todas as súas consecuencias, tanto desde a súa imperfección como nas súas posibilidades de superación. E iso non o percibo ante outras persoas. ¿Será isto o cristianismo? Se así fora é porque efectivamente Mato é un cristián (no que eu entendo como tal, seguramente con pouco rigor doutrinal).
En fin, que a presenza, a actitude, a persoa Mato achéganos ao cristianismo, a un cristianismo «de volta», a un cristianismo latente, existente por debaixo dos ritos e da tona que a cultura relixiosa establecida acabou por derivar en tantos «formatos sociais» deshumanizados. Entre a necesidade de Deus que amosan os seus fregueses, necesidade asociada á suxeición a ritos e adhesións á organización eclesial, Xesús Mato introduce ao Cristo, persoa lúcida, personalidade que nos axuda a situarnos no mundo coa maior plenitude.
En resumo, a actitude de Mato móvenos á práctica da fraternidade cristiá aos non cristiáns, paradoxo que se resolve se consideramos que Mato é un cristián desprendido da tona da relixiosidade das formas e do poder, e se consideramos que os que nos chamamos non relixiosos mantemos así e todo, pola nosa formación cristiá, un pouso no que
recoñecemos os valores humanísticos do cristianismo que á súa vez recoñecemos nomeadamente no cura Mato.