Para sentir que seguimos vivos

Coñecín a este cura alá polo ano 1975. Por aquel entonces eu era  o Director Artístico de Philips, e estaba interesado en contratar ao grupo “Fuxan os Ventos” do que, Xesús Mato, era fundador xunto a Mini e a Mero. A nosa relación desde o principio foi medrando, sen ter en conta para nada a sua condición de  sacerdote, e isto facía máis interesantes as nosas conversas, e encontros de amizade. Sobre todo pola ausencia de tabús, pois falábamos de calquera cousa e de calquera materia. O noso continuo galopar, xuntos pola canción tradicional e folclórica galega, fixo que alghunas veces eu acompañara a Fuxan Os Ventos e a Xesús Mato, polos perdidos pobos do interior de Galicia e da montaña de Lugo, onde era difícil que as súas xentes -sobre todo os máis vellos- puidesen escoitar en directo a uns artistas, que xunto Xesús Mato, facían o milagre de, por unhas horas, revivir a música entrañable de sempre, e facerlles esquecer momentáneamente os duros traballos da terra e dos outros esquecementos.

Nestas andanzas comecei a coñecer mellor o labor incansable e altruísta dun cura que só vivía para mellorar a existencia dos demais. Sen divismos, sen alardes ostentosos, nin chufas de zalamería. Con humildade e perseverancia, lonxe dos curas que todos coñecemos, en tantos casos acomodados e artificiais.

Xesús, estou convencido de que ti es profeta do noso tempo. Com pantalóns de traballo e sen sotana, mesmo o teu nome é sagrado. Ademais do teu traballo relixioso, aínda che queda tempo xunto a Mini e a Mero, de restituír a dignidade e narrar a historia de Galicia, desde a composicións e cantigas, que forman parte da Cultura mais antiga e máis moderna do voso país.

Alédome de que sigas aí incansable, e confío que de vez en cando, por moitos anos, poidamos celebrar xuntos, compartindo un parrafeo, e tomándonos un viño auténtico e galego, para sentir que seguimos vivos.

Alfredo Garrido foi produtor do grupo A QUENLLA, fundado por Mini e Mero de FUXAN OS VENTOS