Palabras para unha canción a Xesús Mato

Palabras de Darío Xohán Cabana para unha canción a Xesús Mato que deben facer Mini e Mero.

Foxen e foxen os ventos
e os anos vannos fuxindo,
pero nós seguimos rindo
mentres nos quedan alentos.

Seguimos rindo e cantando,
bebendo o viño da vida
coa ledicia compartida
de seguirmos camiñando.

Sigue subindo á montaña,
benquerido compañeiro,
que a esta altura do carreiro
con virar nada se gaña.

Con virar nada se gaña,
nin hai nada que gañar:
o mellor sempre é chegar,
con compaña ou sen compaña.

Aló no cume do monte
quen sabe o que ti verás,
pero non ollas atrás
e segues sempre de fronte.

Non sabemos se es un santo
nin se hai santos entre nós,
mais ser es bon entre os bos,
e nós querémosche tanto.

Por iso estamos contigo
pra escoitar o teu sermón,
que é o sermón dun home bon,
doce coma o pan de trigo.

Pra escoitar o teu sermón
e pra camiñar contigo,
Xesús Mato, noso amigo,
cantándoche esta canción.