Coñecín ao pai Mato, aínda sendo moi novo, a través das ondas. Era un home próximo, que encadilaba co seu verbo fácil e directo, que chegaba á xente. A miña sorpresa foi cando ao pouco tempo me decatei que era un cura.
”Crego e fala así?”, pregunteime. E é que o pai Mato estaba na antítese do que era un cura convencional da época.
Pasou o tempo e tiven ocasión de coñecelo persoalmente. A súa etapa nas ondas xa estaba tristemente superada, pero enseguida entendín, aínda mellor, do que era capaz aquel home e porque era capaz de chegar á xente.
Nunha ocasión requiriu a miña presenza para un dos múltiples actos que organizaba e nos que sempre colaborada densinteresadamente, a favor dos máis débiles e sen buscar ningún tipo de protagonismo.
Recordo que foi para presentar, na Praza de Santa María, un acto a favor de Auxilia-Lugo. Tiña todo ultimado ata o último detalle, o seu interese era tal que cho facía chegar de tal forma que acababas impregnado da súa inquietude. Foron moitas consígnas que me fixo chegar e que eu procurei seguir fielmente ,-¡como para fallar ante unha persoa que era todo constancia!- e ao final todo saíu realmente ben, ata a parte encomendada a quen isto subscribe, que, dito sexa de paso, era o único que tiña posibilidade de fallar.
Concluíu o evento, recordo que con varias actividades deportivas, e achegóuseme o pai Mato. "Non temos un peso, polo que tan só pódoche dar as grazas e, de verdade, grazas". Comentoume.
É obvio que pola miña cabeza nunca pasara a posibilidade de cobrar por tal actividade, pero teño que recoñecer que o mellor que me puido pasar foi que aquel home que me encandeou na miña mocidade achegouse a min para encargarme algo e logo darme as grazas.
Agora son eu quen, a través desta oportunidade, quérolle dar as grazas a quen medrou na humildade dunha familia de agricultores con 6 fillos; a quen foi capaz de pór en marcha emisoras de radio, aínda que logo pagásenllo como llo pagaron; a quen fundou a polifonía de Lalín, coordinou Auxilia-Lugo ou foi cofundador de de "Funxan vos Ventos"... Sinceramente amigo Mato, grazas por todo o tempo que dedicaches a todos estes mesteres sen esquecer a túa función clerical en parroquias de máxima dificultade na alta montaña. Grazas tamén por aínda ter o valor de revelarte cando o consideras oportuno, cando a maior parte dos teus compañeiros cregos din "amén" e non precisamente en oficios relixiosos.
En definitiva: grazas Mato por ser ser algo máis, moito máis, que un cura.