É para min unha honra e un pracer escribir algo dun compañeiro, entra ñable irmán, incansable sacerdote, home loitador e sempre preocupado por fomentar a convivencia. Compartimos moitas veces misa e mesa, as partidas de cartas, ilusións e desilusións. Estou a falar de don Xesús Mato Mato, nativo de san Martiño de Castro, no Concello de Paradela, onde o declararon Fillo Predilecto.
Coñecín a Xesús Mato en 1946 cando ingresamos xuntos no Seminario de Lugo. Despois de doce anos de preparación foi ordenado sacerdote por don Antonio Ona de Echave. El foi elixido entre os 32 compañeiros para celebrar a primeira misa no altar maior da Catedral o 24 de marzo de 1958. En agosto do mesmo ano foi destinado a exercer o seu labor sacerdotal na capital de Lalín. Alí chegou cargado de ilusións e proxectos. Era un rapaz colmado de dotes. Falaba ben, inda que tiña unha voz entre ronca e rústica, pero de autoridade forte, que se facía escoitar. Tamén era moi fino de oído, que foi o que levou a conseguir unir as voces dos fieis da parroquia nunha alegre e sinfónica polifonía.
Co padre Mato —así era coñecido— viña a súa nai disposta a entregar a súa vida ó servizo dos demais. Aquela casa estaba sempre aberta e acollía a todos sen ningunha distinción. Todo o mundo a tiña en gran estima e consideración.
Ó ano seguinte de chegar a Lalín, ó padre Mato deulle por anunciar o Evanxeo desde o campanario a través da emisora parroquial, tarefa que lle encomendara o bispo Ona de Echave, fundador e gran promotor da antes chamada «Cadena de Ondas Populares Españolas». Moi pronto comezan os traballos para o Concilio Vaticano II, e este cura férvelle-fabas reúne a profesores, médicos, avogados e xente voluntaria disposta a tomar conciencia da importancia deste Concilio.
Tamén por este tempo é cando se estrea a primeira Cáritas lnterparroquial da Diocese en Lalín. Nace un equipo ilusionante. Fan un estudio da situación de pobreza e marxinación na bisbarra; constrúense casas para seis familias necesitadas en Donramiro e Donsión. Colaboran autoridades, institucións, profesores e empresas construtoras, así coma destacadas personalidades da parroquia. A pesar de todas estas faenas, ó padre Mato aínda lle queda tempo para acudir ó Colexio de don Fidel e ó Instituto Laboral para tomar contacto cos rapaces.
Unha das afeccións do padre Mato era a música. Xa no Seminario fora director da Schola Cantorum. E aquí en Lalín organizaba programas de radio participativos, festivais, levaba os gaiteiros de Moneixas ós programas, falaba de cousas e contos nun programa que se chamaba «O Tío Xanete», e nunca se esquecía de achegarse, ó través das ondas radiofónicas, á xente do campo cun programa que se chamaba «Agro».
Como todo isto aínda lle parecía pouco ó crego, sempre preocupado pola cultura, organizou grupos de baile, concertos, conferencias, sesións de cine, a Acción Católica... Pero, sobre todo, don Xesús foi un crego capaz de atraer ós que dicimos alonxados da Igrexa, deses que nunca van á misa, pero que cando se atopan cun cura dado senten ganas de ir ó templo para así corresponderlle a aquel que tan preto estivo de nós nas rúas, nas familias, nas necesidades...
Despois de pasar por Lugo, onde, entre moitas cousas máis, colaborou no diario El Progreso e coa Radio Popular «cope», foi rematar ó Cebreiro administrando, entre outras, unhas parroquias que eu levara recén saído cura. E aquí, mentres a saúde llo permita, rematará Xesús a súa entrega ós demais.
Por todo isto, noraboa, xesús!!!