Eu sempre digo así cando falo del, e se está preto de min e teño que chamalo digo simplemente ‘cura’. El sabe perfectamente que o estou chamando a el. Creo que este xeito que teño de dirixirme a el é porque para min, que non son crente, representa o que debe ser un cura, sen máis, alguén que dentro da Igrexa é, sobre todo, unha boa persoa que está moi por enriba dos ritos, das aparencias. Alguén que te escoita e que te axuda, que vive os teus problemas coma se fosen seus, que é coherente na súa vida e que ten non ten pelos na lingua para criticar a quen non o é.
Lembro que coñecín a Mato aló polo ano 1972, recén acabada a miña carreira. O que xa non lembro con exactitude é se foi o tema de Auxilia ou o de Fuxan os ventos o que nos puxo en contacto. En calquera caso, tanto ten. Con Auxilia vivimos con moita intensidade aqueles primeiros anos. Viaxamos a Barcelona para coñecer o que por alí se facía, viaxe que nunca esquecerei porque foi a primeira vez que eu subín nun avión. Máis gratificantes foron aínda as primeiras colonias de verán para persoas discapacitadas que organizamos, non había obstáculo que non fósemos capaz de vencer cun feixe de ilusión e moito esforzo e traballo. Agora estamos en barcos diferentes, pero os dous seguimos loitando contra o temporal da insolidariedade e da discriminación no ámbito da disacapacidade.
E logo foi Fuxan os ventos. Aquí resúltame difícil expresar con palabras o que significaron aqueles comezos, porque foron especialmente intensos. Todo xiraba arredor da música, pero alí había moito máis. Había compromiso co feito de ser galegos, respecto á tradición e moitas ganas de mellorar este mundo que nos tocou vivir. Mato foino todo, sen el nunca se chegaría onde se chegou. Creo que os galegos temos unha débeda con el neste asunto.
Mato é un adiantado ao seu tempo. Pode ser que os anos corran para o seu corpo, pero non corren para o seu espírito. Sempre será xove. Cura, non cambies nunca!