O CREGO DO RURAL

Tan só un par de cousiñas, poderían ser moitas, relacionadas coa música e coa policía. Pois resulta que o día 3 de marzo de 1975, xa de volta do recital de Santiago, de cando o de Boente, onde varios membros de “Fuxan os Ventos” tiveran un accidente, sen grandes consecuencias, pero que dezmou o grupo para a actuación do Pazo do Obradoiro, que por certo estaba a tope de xente e de “grises” moitos distes coa porra na man; logo de que Fuxan, xunto con Miro Casabella, Benedicto, Bibiano e outros caldearan o ambiente, o remate do concerto nos non quedamos para o acto final, a “manifa” ate a Praza Roxa, pero velaí, que polas oito da mañá do seguinte día soa o teléfono na miña casa, aténdeo a señora Pepa, miña nai, e dinlle que “un amigo” quere falar comigo; cando me poño, o “amigo” dime que chama da comisaria de policía e que queren falar con nos polos acontecementos do día anterior en Compostela, e, ¿saben que lle dixen?, que o “xefe da banda” era o Padre Mato e para calquera aclaración tiñan que falar con el; eu tentei escurrir o vulto e citeinos na Casa Diocesana de Lugo pola tardiña. Chamei a Mato e aló polas cinco, el e mais eu vemos cegar o coche gris co pirulo enriba do que baixan dous coñecidos policías da secreta, que veñen sorrindo cara a nos; dinnos que xa saben da  vida obra e milagres dos de Fuxan os Ventos. Resulta que o Gobernador Civil de A Coruña, pedira informes daqueles rapaces revoltosos de Lugo.

Unha vez mais, Mato, Xesús, Xesús Mato ou o Padre Mato poñéndose de fronte ante o compromiso.

A outra anécdota foi tamén outra das súas rebeldías, veredes: o cantante Juan Pardo no ano 1973, resulta que se lle ocorreu facer unha versión do poema de Curros Enríquez, “Un adios a Mariquiña”, e para mais inri, ate o grava en castelán; o noso Mato cabrease o escoitar aquilo e ponse a traballar e a facernos traballar arreo para que Fuxan os Ventos fixera unha versión mais digna do “Adiós a Mariquiña”; suamos tinta china cos uuummmsss, os lalalalas, etc e presentámolo en Pontedeume, no Festival Ría de Ares e dedicámosllo o señor Pardo; o noso cura quedou satisfeito e nos tamén.

Remato xa, non hai moito lin unha retahila de nomes de persoas, e o lado de cada un poñía o que eran: mestres, avogados, mecánicos, xornalistas, que sei eu; ata que cheguei ó nome de Xesús Mato, ó seu lado poñía: Crego Rural.

Gustoume.