O colibrí

As homenaxes en vida teñen un problema funcional.

Se son merecidas, case sempre quedan curtas.

De non selo, sempre son desmesuradas.

No caso de Xesús Mato vai pasar o primeiro, pero que non se diga que non o intentamos.

O Xesús, o Mato, o pai, o crego, o músico, o amigo, forma parte desa nómina de colaboradores de El Progreso que o foron dun xeito prolongado; como por exemplo son os casos de Juan Rof Codina, ou de Narciso Peinado Gómez nas súas épocas respectivas. Entre os tres pódese facer o percorrido completo polo século XX lucense, desde 1908, cando o primeiro deles asina “La peste de las patatas” dentro da sección “Para el campo”, antes de que a nova cabeceira dispoña de talleres propios, ata o seu remate, cando Mato publica a súa columna dominical a xeito de homilía xornalística.

Do que eu gardo acordanza nese último terzo do século, non lembro unha soa ocasión na que as colaboracións de Xesús non fosen ben celebradas, pois aínda os criticados, os que podían pensar con outros argumentos, e os seus críticos, se os houbese, sempre comprendían que o Mato escribía con moito siso e razón.

Unha razón que no maxín de Xesús Mato faise ecléctica.

Porque el pica tanto na ortodoxia, como na heterodoxia, coa habilidade e a precisión dun paxaro colibrí, deses que conseguen voar e gardar a inmobilidade diante da flor.

Faino porque sabe como, naturalmente.

O difícil non é tanto o feito de picar ben, como o de compoñer a figura e dicir sempre o que se quere dicir sen perder o equilibrio.

Supoño que outros falarán das restantes cousas boas que ten este home.

O que eu quería comunicarlle xa está dito.

Imos quedar curtos, xa verán.