Xa hai máis de vinte anos que Xesús Mato chegou a estas terras do Cebreiro, e con el viñeron novos aires a estas parroquias. Moitos de nós, sobre todo os que xa temos uns aniños, lembramos unha Igrexa moi diferente á que Mato representa. El é unha persoa sinxela, e nas celebracións fala como se fora un de nós, con fallos e virtudes e xamais
con actitude de superioridade, o que fai que o sintamos moi próximo. A súa capacidade de facer crítica construtiva e de transmitir a súa visión positiva das cousas acompañarano sempre.
Dende o primeiro momento tivo iniciativas e ideas para conseguir implicar á xente, xa fora preparando unha obra de teatro, uns disfraces para o entroido cos mozos e mozas, unha festa veciñal, recuperando tradicións coma «os reises», ou axudando en cousas necesarias para as nosas parroquias.
Os nenos, os velliños e a xente máis vulnerable, sempre ocupan un primeiro lugar nos seus pensamentos e accións.
Co paso do tempo, Mato converteuse nun veciño máis: próximo, xeneroso, servicial e cunha fidelidade á xente e ó seu labor admirable. Xa neve, chova, xee ou xarroubee, alí está, disposto cada domingo a dar misa e compañía a todos os veciños que se acheguen á igrexa.
Despois de tantos anos, viviu con nós unha parte importante da vida do pobo, acompañounos nos bos momentos, cando nas nosas casas había algo que celebrar, e tamén soubo estar aí nos momentos máis difíciles.
No nome de todos os veciños de Hospital, e como non da xente da «montaña» como ti dis, queremos felicitarte e darche as grazas dende o máis fondo, co noso desexo de que poidamos aínda compartir moitos bos momentos.