Mato: o mundo ao revés

Pídenme que escriba algo sobre Xesús Mato e o primeiro que se me ocorre dicir é que ese home, cura, escritor, músico e pastor, ven a ser un mundo ao revés, o que non deixa de ser unha parvada, pero tratarei de me explicar. Non hai moito lin unha ocorrencia de Quino, o debuxante humorista, na que expresaba un imposible curioso: contar a vida coma se acontecera ao revés. Todo comeza cando un está ás portas do final, pero, de súpeto, obsérvase que, no canto de consumirse todo, o episodio seguinte lévanos aos anos anteriores. E así de seguido, camiñando cara atrás, ata chegar aos primeiros minutos da existencia para se desafacer no infinito, sen sufrimento ningún, todo canto foi vida: un esvaecemento insensible. E non sei por que, cando andaba eu a ler isto, pensaba en Mato. Acababa de ver, no seu despacho, unha foto súa, de cura noviño, na que se lle vía unha faciana de indio. Cando eu o coñecín, xa andaba pola idade que chaman do demo meridiano: era o tempo en que construíra esa cousa tan fermosa que se chamou “Fuxan os Ventos”, con música e letra de seu. Xa non era tan indio senón máis ben indíxena, á captura dos zumes culturais da súa terra. Despois trateino moito, ata hoxe. Xa non é novo: cincuenta anos de clerecía máis ou menos heterodoxa. Con poucas perturbacións de saúde, afortunadamente, non ten a máis pequena preguiza para coller o coche en Lugo e achegarse, cantas veces sexa preciso, aló á montaña do Courel onde ten parroquias. E non vai por misar, non, aínda que tamén o faga, nin vai por asuntos funerarios, aínda que non os descoide, pero, iso si, sen parva nin estipendios. Vai facer pobo, labor no que emprega as súas forzas. Pero non é político senón axente de cultura, titulación que non existía cando el era novo nin cando xa facía música, dirixía coros, recollía vellas melodías autóctonas, inventaba Reises ou elaboraba programas para Radio Popular. Non sabía el que toda esa actividade tería, anos despois, un nome profesional e uns estudos universitarios específicos. Agora sábeo, pero xa non precisa estudar, cómprelle facer o que sempre fixo. E ademais, faino moi ben. A súa faciana foi collendo a figura dun patrucio venerable das nosas montañas e o seu corpo camiña lixeiro polas costas empinadas. E aquí ven o máis importante: eu non coñezo un cura novo que comece cada día con tanta ilusión como el pon na súa actividade pastoral, cultural e social. Coma quen ten unha longa vida por diante. Os seus ollos teñen cada día máis luz e sempre está presto a rir con aqueles chistes, contos ou acontecidos que, cando era novo, lle parecerían pouco serios e mesmo pecaminosos. Comprenderedes, xa que logo, que eu me pregunte se non irá camiño dunha adolescencia ilustrada e moderna para logo chegar a unha infancia paradeliana e render contas, sen sufrimento. Poida que non sexa tanta parvada pensar que Mato é un mundo ao revés.