Din que Xesús Mato veu para a montaña hai vintecinco anos, pero, para nós é como se estivese connosco toda a vida.
É un dos nosos. É da casa de cada un de nós. É de todas as casas desta montaña, o noso crego de sempre e por sempre. Con funcións de crego pero tamén de compañeiro servizal e amigo.
Don Xesús Mato forma parte do noso presente e do noso futuro e tennos axudado de xeito importantísimo a valorar o noso pasado, a nosa lingua, as nosas tradicións, as nosas casas, a nosa xente. Tamén as nosas igrexas, xa que el é o principal artífice da súa renovación e conservación.
Todo o que significa Mato de amizade, axuda, progreso e compaña, para o noso grupo ten unha significación moi especial xa que grazas a el rescatamos «os reises vellos do Cebreiro», que son os das Comarcas de Pedrafita, Cervantes e O Caurel.
Ata a primeira metade do século vinte, antes da festa dos Reis, cantábanse polas parroquias da montaña sur/oriental luguesa os «Reises vellos». Por se axudar no canto son catro os «Reiseiros», elegantemente vestidos, que cantan un vello romance na honra dos que foron visitar ao Neno Xesús. Con eles ían dous personaxes curiosos: o «Carantoña» para presentalos nas casas onde cantan e o «Mochileiro» para recoller os agasallos que daban «as amas» da casa. Ademais da invitación á porta das casas había bailes e dábanlles o aguinaldo (carne, chourizos ou cartos).
Medio século despois da desaparición deste vello costume, Mato, coa axuda dos músicos e grupos de baile da Asociación María Castaña (Lugo) e os de Xistra de Pedrafita, logrou rescatar a tradición e «obrigounos» a participar nela. Certo que todo o que Mato pida é unha obriga para todos nós, e esta foi unha obriga ben grata, porque sabiamos que estabamos facendo historia e cultura, ao rescatar a herdanza que non podiamos deixar perder. Mesmo algúns de nós, medio século antes, tiñamos participado nestas embaixadas relixiosas tan fermosas e tradicionais.
Os que, por agora, somos os últimos «cantores reiseiros dos vellos reises do Cebreiro» queremos deixar constancia de que temos en Xesús Mato un excelente crego montañés, pero, sobre todo, sabemos que nel temos un pai, un irmán e un amigo.
No nome de todas e de todos os que axudaron a recuperar os «vellos reises do Cebreiro» os actuais compoñentes dos «Reiseiros» queremos mostrar a Xesús Mato, o noso profundo agarimo e agradecemento.